1.-Pola súa localización privilexiada
O municipio de Curtis, situado no centro xeográfico de Galicia, ofrece todas as vantaxes dun medio rural que se converteu, grazas a ser un nó de comunicacións clave entre as provincias da Coruña e Lugo, nun dos concellos mellor equipados e con mellores infraestruturas tanto tecnolóxicas como de accesos.
A súa localización estratéxica foi clave para a chegada do ferrocarril a este concello no século XIX, que o impulsou como centro comercial e de servizos, e agora tamén industrial grazas ás dúas estacións de tren (Curtis e Teixeiro), as súas ligazóns coas principais vías de comunicación de Galicia cara a Madrid e a cornixa Cantábrica, e a súa proximidade aos aeroportos da Coruña e Santiago, situados a media hora.
Como chegar
2.- Accesible e ben conectada
Estrada: Curtis atópase a pouco máis de media hora por estrada das principais cidades do norte de Galicia: A Coruña, Santiago e Lugo. A principal vía de comunicación é a N-643, que percorre o municipio dirección este-oeste. De rango autonómico, cruzan o concello dúas estradas en dirección Norte-Sur, que son a AC-231, que une A Castelá (Aranga), Teixeiro, e Sobrado dos Monxes, e a AC-230, que finaliza no pobo de Curtis procedente de Montesalgueiro (Aranga)
Autoestrada: O municipio enlaza coa Autovía do Noroeste (A-6) cara a Madrid, a A-8 cara a Cantabria e o norte da península e coa AP-9, principal arteria vertebradora do eixo norte-sur de Galicia.
Ferrocarril: As estacións de tren de Curtis e Teixeiro dispoñen de conexións diarias tanto de media distancia á Coruña, Lugo, Ferrol e Betanzos como cara a Madrid e Barcelona.
Aeroporto: Lavacolla (Santiago) e Alvedro (A Coruña) sitúanse a menos de media hora.
Autobuses: Existen varias paradas de autobuses que unen os dous núcleos urbanos (Teixeiro e Curtis) coas cidades da Coruña e Santiago e coas estacións de tren.
3.- Área económica en expansión
Curtis é un dos 26 nodos supramunicipais incluídos nas Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, fixados para concentrar neles os esforzos para dinamizar a economía e fixar a poboación con iniciativas que permitan mellorar a calidade e variedade dos servizos públicos e privados, aumentar a accesibilidade e a conexión co transporte público, mellorar as telecomunicacións, preservar o medio natural, dotalos de espazos para actividades económicas e facelos atractivos como lugares de residencia e traballo.
4.- Área industrial
O municipio conta cunha superficie de 1.810.092 m2 destinada a uso industrial, cun parque empresarial en Curtis e un polígono industrial en Teixeiro, un dos máis grandes de Galicia, con completas infraestruturas, equipamentos e servizos:
- Liña eléctrica de transporte en alta tensión de 220.000 V cunha subestación dentro do propio polígono e de dobre circuíto.
- Autovía Coruña-Madrid a cinco quilómetros, así como a estrada nacional San Sebatián-Santiago á fronte.
- Dous mil metros de liña de ferrocarril paralela ao polígono, conectada directamente co porto da Coruña.
- Rede de gas nas proximidades (Bietanol).
- Abundante auga.
- Amplos espazos de lecer, deportes, servizos e zonas verdes.
- Núcleo urbano dotado con todos os servizos a dous quilómetros.
Estas importantes infraestruturas foron capaces de atraer a grandes firmas multinacionais, como o grupo Abengoa, que instalou en Teixeiro a súa planta de produción de bioetanol; a empresa Norbert Dentressangle, líder en loxística e transporte en Europa, ou o grupo madeireiro Losán, presente en dez países de catro continentes.
5.- Pola súa renta pér capita
Curtis é o municipio da comarca de Betanzos con maior renda por persoa e o sétimo de toda a provincia da Coruña, segundo datos do IGE. As industrias asentadas no concello suman ao PIB (o indicador utilizado para estimar a riqueza dun país) 118.354 euros, cunha repartición por habitante de 28.643 euros. Na análise dos 93 municipios que conforman a provincia da Coruña, a renda per cápita de Curtis só é superada polas Pontes de García Rodríguez, Arteixo, Cerceda, As Somozas, Bergondo e Santiago.
6.- Aposta polas telecomunicacións
A instalación de torretas contribuíu a estender e mellorar a velocidade de internet no rural e nos dispositivos móbiles, e a configuración de Teixeiro como un núcleo de distribución de fibra óptica contribuíu á mellora das telecomunicacións e asegura a posibilidade de desenvolver actividades relacionadas coas novas tecnoloxías.
7.- Abastecemento enerxético
Nos últimos anos, foi progresiva a ampliación da rede de gas natural, con abastecemento en alta presión ao polígono industrial de Teixeiro e ao parque empresarial de Curtis, e en baixa presión aos dous principais núcleos urbanos. A aposta do municipio polas enerxías renovables é moi importante, e froito diso foi a instalación da planta de biotanol en Teixeiro, cunha produción de 200.000 toneladas ao ano.
8.- Sectores estratéxicos e tractores
O desenvolvemento da actividade económica no municipio aúna os sectores comercial e de servizos, que ocupan ao 55% dos traballadores, o industrial, que representa máis do 16%, e o primario, de gran importancia no territorio xa que, ademais de ocupar de forma directa a unha elevada porcentaxe de poboación, xera numerosos empregos secundarios en industrias relacionadas coa agroalimentación, a transformación de produtos lácteos, o transporte de animais e a venda de produtos relacionados coas explotacións gandeiras.
Ademais, pola súa localización ofrece vantaxes competitivas e oportunidades de negocio nos sectores da loxística e distribución.
9.- Cabeceira natural de comarca
Curtis, con máis de 4.000 habitantes, é a cabeceira natural dunha comarca integrada ademais, polos concellos de Sobrado, Vilasantar, Mesía, Oza-Cesuras e Aranga, que en total abarca unha extensión de 800 quilómetros e na que vive unha poboación de 18.000 persoas. Pola súa capacidade de xestión, é sede dalgúns dos servizos que atenden a toda a comarca, como o Grupo de Emerxencias Supramunicipal, ou a varios concellos, como o Servizo de Orientación Laboral, a recollida de residuos sólidos ou o Centro de Información á Muller.
10.- Polos seus servizos públicos e dotacións
O municipio de Curtis está repartido entre dous núcleos de poboación principais: Teixeiro, capital municipal, e Curtis, duns 1.200 habitantes cada un. Ambas localidades gozan por igual de dotacións públicas modernas que evitan que os veciños teñan que trasladarse para xestionar asuntos de carácter municipal, educativo, sanitario, deportivo ou cultural.