Alcalde
Son novos tempos para os gobernos e para as políticas públicas, pero, sobre todo, para reforzar unha xestión máis próxima cos cidadáns, aos que servimos e aos que nos debemos sen ambigüidades nin reservas. Son tempos para novas formas de comunicación, máis clara, participativa e eficaz. Por esta razón, esta web quere ser unha xanela aberta á que se poidan asomar todos os veciños do Concello de Curtis e a súa comarca para coñecer o día a día da vida municipal e atopar toda aquela información que lles poida ser útil e práctica nas súas relacións coa administración local. Por iso, tamén fixemos un esforzo maior pola transparencia e por render contas sobre o noso traballo, así como por explicarlle á cidadanía todos os servizos que están á súa disposición.
A web quere, ademais, fortalecer a imaxe do concello curtiense, a nosa marca como localidade que está en continuo desenvolvemento e que ofrece toda unha serie de vantaxes para a atracción e o crecemento de investidores e industrias e, como non, para novos veciños que se queiran asentar nesta terra acolledora e chea de talento, cabeceira natural da comarca, na que atoparán todas as bondades dun concello rural que fai especial fincapé en preservar a beleza e potencialidade da súa contorna natural e que, á vez, ofrece servizos públicos modernos e accesibles.
Este portal é tamén a porta de entrada para que visitantes e turistas se animen a coñecer o noso municipio, no que atoparán unha gran riqueza paisaxística, patrimonial e gastronómica.
Douvos a todos a benvida a esta web e anímovos a que a visitedes a miúdo porque será periodicamente actualizada.
D. Javier Francisco Caínzos Vazquez
Alcalde do Concello de Curtis