O Concello de Curtis mellorará a rede viaria de Fisteus e Foxado con dous proxectos que suman 450.000 euros de investimento

O Concello de Curtis reforzará a mobilidade e a seguridade viaria nas parroquias de Fisteus e Foxado grazas a dous proxectos de mellora da rede viaria aprobados no pleno celebrado este venres. As actuacións, amparadas pola segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña, suman un investimento conxunto de preto de 450.000 euros e abranguen preto de once quilómetros de pistas municipais.
A primeira actuación, cun orzamento de 205.885,12 euros, desenvolverase na parroquia de Fisteus e comprende os camiños de Alvite-Piñeiro, Eirixe-A Casanova, Igrexario-Río dos Muíños e A Fraga-Cruce Mirás. A segunda, dotada con 241.866 euros, estenderase polas parroquias de Fisteus e Foxado e inclúe as pistas de Pardiñeiras-Baldarís, A Devesela-Rabuñas, As Mingueiras-Cabana, O Apeadoiro e o acceso a Samel.
En dúas das arterias incluídas (Eirixe-A Casanova e As Mingueiras-Cabana) executarase un sobreancho da calzada ata alcanzar os cinco metros de ancho útil, o que facilitará o cruzamento de vehículos e mellorará notablemente a seguridade. No resto das vías levarase a cabo a limpeza de beiravías e renovarase o firme.
Trátase dunha intervención necesaria tras o desgaste acumulado que sufriron estas vías polos efectos da meteoroloxía deste inverno. Coas obras, o Concello garante unhas comunicacións máis seguras e cómodas para a veciñanza do rural e reafirma o seu compromiso co mantemento das infraestruturas en todo o termo municipal.
O alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, destacou que “estas obras responden a unha necesidade das nosas parroquias, que este inverno acusaron especialmente o deterioro do firme”. O rexedor engadiu que o goberno local segue “investindo no rural para garantir que ningún veciño quede atrás en materia de mobilidade e seguridade viaria”.

