Numeracion Curtis logos

A XUNTA ANIMA DESDE CURTIS Á MOCIDADE A SOLICITAR AS AXUDAS PARA COMPRAR VIVENDA EN CONCELLOS DE ATA 10.000 HABITANTES, CUN ORZAMENTO PARA ESTE ANO DE 2,55 M€

Durante unha visita ao concello de Curtis, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou hoxe á xuventude galega a aproveitar esta liña de incentivos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que, tal e como lembrou, foi convocada o pasado 12 de agosto e poderá solicitarse ata o vindeiro 30 de setembro.

O programa vai dirixido a persoas de entre 18 e 35 anos, unha das franxas de poboación que adoita ter máis dificultades económicas á hora de acceder a unha vivenda en propiedade. Para facilitarlles dar este paso, segundo explicou a conselleira, poderán acceder a unha axuda directa de ata 10.800 euros por inmoble, sempre que esta contía non supere o 20% do prezo de compra.

Ademais, para beneficiarse do programa terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (23.725,8 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.

Os mozos interesados en acollerse a estes incentivos poderán solicitalos sempre que o inmoble adquirido —que pode ser novo ou usado— non custara máis de 120.000 euros e estea localizado nalgún dos 257 municipios galegos que teñen unha poboación de ata 10.000 habitantes —o 82% do total—.

Isto supón un cambio substancial respecto da convocatoria anterior xa que, como explicou Ángeles Vázquez, en 2021 estas axudas estaban limitadas a compras realizadas en entidades locais con 5.000 veciños ou menos, polo que, na práctica, este ano poderán solicitarse en 56 concellos máis.

A conselleira subliñou a “boa acollida” que tiveron estas subvencións o ano pasado, cando un total de 112 galegos de entre 18 e 35 anos recibiu o apoio económico do IGVS para a adquisición do seu primeiro fogar. En todo caso e en vista de que para 2022 o orzamento dispoñible “triplica” o do ano anterior, asegurou que agarda que a cifra de mozos e mozas beneficiarios poida ser máis alta, como indican as 125 solicitudes recibidas ata o de agora.

220822 AVM VISITA CURTIS 1

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.