Numeracion Curtis logos

A XUNTA AVANZA NA POSTA EN VALOR DE MÁIS DE 3.000 HA DE TERREO NO MARCO DO POLÍGONO AGROFORESTAL IMPULSADO EN CURTIS

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos, mantivo hoxe unha reunión informativa con veciños implicados no polígono agroforestal promovido neste concello de cara a avanzar no seu desenvolvemento.
 
Este polígono, que se proxecta nunha superficie dunhas 3.400 hectáreas, permitirá levar a cabo unha ordenación dos usos agrogandeiros e forestais, así como mellorar a estrutura territorial mediante unha reestruturación da propiedade e a identificación das necesidades de agricultores, gandeiros e silvicultores.
 
Deste xeito, e da man da directora xeral, os habitantes das parroquias de Santa Eulalia e Santa María de Foxado puideron coñecer o procedemento que esixe un polígono agroforestal e a súa ordenación de usos, cun Catálogo parcial de solos agropecuarios e forestais, para o que se elaborou unha proposta inicial que se someterá á consulta pública dos veciños, que poderán participar e facer propostas sobre ela.
 
Na xornada tamén se lles informou da posibilidade de acceder á axuda básica á renda da reserva nacional da nova PAC do período 2023-2027 para todas as parcelas incluídas neste polígono, xa que o novo Real Decreto sobre dereitos de axuda básica á renda prevé que poidan solicitar estes dereitos as superficies acollidas a figuras de mobilización de terras como os polígonos agroforestais.
 
Cómpre lembrar que os polígonos agroforestais son un dos instrumentos de mobilización que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nesta liña, desde a entrada en vigor desta norma -en maio de 2021- están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria unhas 10.000 hectáreas de terreo, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas desenvolvidas no concello de Friol, na provincia de Lugo.
 
331332451 5978187252269370 3938575148232683747 n

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.