UV BANNER Curtis 2023 web

O Goberno local rexeita as 3 mocións presentadas polo BNG

Na mañá de hoxe celebrouse unha sesión plenaria extraordinaria solicitada polo BNG na que se debatiron os seguintes puntos:

1. “Incorporación nos presupostos de 2024 da creación de dúas prazas de bedeis para os colexios dos dous núcleos urbanos, CEIP de Teixeiro e CEIP de Curtis” reprobada cos votos en contra do PP e os votos a favor do BNG (a moción pode lerse ao completo a través do PDF que aparece ao final desta nota) 

Sobre esta moción o Partido Popular explicaba que dous traballadores municipais realizan diariamente as tarefas de apertura, peche, vixianza e coidado dos dous centros educativos ademais de atender ás demandas dos dous centros. Na súa intervención, engadía o alcalde do municipio que se atenderon as peticións do Consello Escolar e da ANPA coa automatización de portais e instalación de videoporteiros e que seguirán atendendo as necesidades que xurdan. 

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego reiterouse na súa moción (adxunta no PDF). Engadían no pleno de hoxe que nos concellos da contorna a figura de bedel está cuberta polos concellos. Tamén apuntaron que “todos os anos facemos esta solicitude” e expresaron o seu agradecemento ao persoal municipal que traballa nos centros educativos.

2. “Mellora da atención primaria no Concello de Curtis” foi rexeitada cos votos en contra do PP e os votos a favor do BNG (pódese ler ao completo na imaxe).

Na súa intervención, o alcalde do municipio explicou que o 26 de febreiro de 2021 se aprobou unha moción conxunta dos dous grupos políticos municipais sobre as necesidades dos centros de saúde de Teixeiro e Curtis e PAC de Teixeiro na que se solicita á Consellería de Sanidade e ao SERGAS as melloras nos centros e aumento de persoal. O alcalde engade que nese mesmo pleno a señora Fuentes, conselleira de Asambleas Abertas por aquel entonces, “manifesa o seu contento por esta moción e espera que permita arranxar os problemas” tal e como consta na acta

Infórmase das actuacións levadas a cabo pola Consellería de Sanidade nos últimos anos co incremento de recursos humanos nos centros sanitarios do municipio: 1 enfermeira (2018), 1 médico de Familia (2019), 1 matrona (compartida con Miño) en outubro do 2020, 1 nutricionista (2022), 2 enfermeiras de equipo de soporte domiciliario (2022) Ademais de equipamento electromédico, mobiliario clínico e mobiliario xeral.

Engadía o alcalde que se está a avanzar nas infraestructuras existentes coa redacción do proxecto de ampliación do centro de saúde de Curtis financiado polo concello e que agora mesmo se encontra na unidade técnica de obras da Consellería de Sanidade para a súa revisión e aprobación. Apuntaba que nesta ampliación están previstos dous consultorios máis, unha sala de espera e unha sala de reunións ademais das zonas comúns.

Pola súa banda o BNG reitera a postura mostrada na moción, fai fincapé nas esperas para conseguir cita médica, apunta que os centros do concello son dos que máis pacientes atende da área e preguntan se se contempla a ampliación do centro de saúde de Teixeiro.

3. “Mantemento dos prezos das actividades deportivas e culturais e os servizos de concilia e Ludoteca ofertados polo Concello, así como para que en vindeiros anos a suba se faga en base ao IPC” tamén foi votada en contra polo PP e cos votos a favor do BNG (pódese ler ao completo no PDF).

O alcalde explicou que dita actualización foi aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do BNG e que durante os 30 días de exposición pública non se rexistrou ningunha alegación polo que, rematado o prazo, procedeuse á súa aprobación definitiva coa publicación no BOP o 20-12-2023. Ademais explicou que o Concello prevé aportar 236.437 euros para a realización de actividades e conciliación no 2024 entre outros datos.

Tamén o alcalde lanza a pregunta: “Dende o grupo do PP preguntámosnos qué lles pasou aos membros do grupo do BNG dende o 20 de outubro ata o 28 de decembro. O 20 de outubro din: “O señor Quintas entende que unha actualización dos prezos entra dentro do normal”.

O BNG argumenta que entenden a subida pero non a cantidade, solicitan ao alcalde que explique onde está o cambio de opinión e engaden que se está empregando a abstención para argumentar que estiveron de acordo nesta última actualización dos prezos. O alcalde sinala que ve a situación “como unha postura electoralista ante as elección do 18 de febreiro ao Parlamento Galego ademais de buscar a notoriedade a 15 días das eleccións”. 

DESCARGA AS MOCIÓNS AQUÍ: MOCIÓN_BNG.pdf

IMG 6205

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.