EXAME BANER HORIZONTAL

O CONCELLO DE CURTIS CEDE UNHA FINCA Á XUNTA PARA A CONSTRUCIÓN DUN CENTRO DE PROTECCIÓN ANIMAL

No pleno celebrado no día de hoxe no Concello de Curtis acordouse a cesión gratuíta dunha finca á Xunta de Galicia para a construción dun centro de protección animal na parroquia de Fisteus. A proposta foi aprobada co voto favorable do Partido Popular e a abstención do Bloque Nacionalista Galego. A finca está identificada como a parcela número 465 do polígono 5 da concentración parcelaria de Fisteus e atópase clasificada como chan rústico de protección ordinaria, segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Curtis. Dito espazo conta cunha superficie de 23.819 metros cadrados e destaca pola súa boa accesibilidade, pois está rodeado por pistas de carácter público que facilitan a súa conexión coa contorna. A parcela non se atopa afectada por ningún plan de ordenación nin está prevista a súa utilización por parte do municipio nos próximos dez anos, o que permite a súa cesión sen prexuízo da administración local. Con esta iniciativa, o Concello de Curtis colabora activamente coa Xunta de Galicia na mellora do benestar animal e na creación de infraestruturas públicas que permitan ofrecer unha atención adecuada aos animais en situación de abandono.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.