EXAME BANER HORIZONTAL

O CONCELLO DE CURTIS APROBA UN ORZAMENTO DE MÁIS DE 6,4 MILLÓNS DE EUROS PARA O 2025 CUNHA CLARA APOSTA POLOS INVESTIMENTOS REAIS E SERVIZOS PÚBLICOS

O Concello aprobou hoxe, nun pleno extraordinario celebrado ás 14:00 horas, o orzamento municipal para o exercicio 2025, que ascende a 6.424.842,39 euros, o que supón un incremento do 7 % respecto ao orzamento inicial do ano anterior.

O novo orzamento destaca polo reforzo das partidas destinadas a investimentos reais, cun aumento do 15,09 %, así como polos gastos correntes, que medran un 6,12 % co obxectivo de reforzar a calidade dos servizos municipais.

Por áreas, o documento económico contempla que:

  • O 44,53 % do orzamento se destine a servizos públicos básicos, cunha suba do 16,10 % con respecto a 2024.
  • O 20,29 % irá dirixido a actuacións de protección e promoción de carácter social.
  • En canto aos ingresos, prevese un aumento das transferencias correntes e de capital do 42,28 %.

Trátase dun proxecto elaborado en coherencia coas regras fiscais vixentes, cun enfoque de xestión responsable e sostible dos recursos públicos.

Durante a sesión, tamén se aprobou por unanimidade o Plan Económico-Financeiro 2025-2026, que reforza o compromiso coa estabilidade orzamentaria a medio prazo.

Ademais, o alcalde anunciou a posta en marcha dunha campaña informativa para fomentar o bo uso dos contedores de lixo, co obxectivo de mellorar a limpeza viaria e promover o cumprimento das normativas ambientais. Neste sentido, advertiu que se aplicarán sancións conforme á Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular a aquelas condutas que vulneren a normativa vixente.

No debate plenario, o BNG sinalou que xa advertira da necesidade de realizar charlas ou plans de concienciación, mentres que o PP manifestou a súa disposición a colaborar en calquera iniciativa que supoña unha mellora para o municipio, lembrando que xa se desenvolveran accións previas neste eido.

O orzamento municipal de 2025 foi aprobado cos votos a favor do PP e a abstención do BNG, mentres que o Plan Económico-Financeiro contou co apoio unánime de ambas formacións.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.