Alfonso Rueda destaca a capacidade do polígono de Curtis-Teixeiro para atraer proxectos industriais punteiros

O alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, participou esta mañá na visita institucional do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ás instalacións de Vertex Bioenergy no polígono de Curtis-Teixeiro.
A compañía está a construír unha nova planta de CO2 bioxénico, un produto renovable con múltiples utilidades, dende o carbonatado de refrescos ata a extinción de incendios. O investimento supera os 10,3 millóns de euros.
Durante a visita, Rueda destacou o papel do Concello de Curtis como exemplo de municipio rural capaz de atraer investimentos industriais innovadores e sustentables, xeradores de emprego e oportunidades para o territorio. O proxecto impulsado por Vertex Bioenergy permitirá avanzar na transición ecolóxica mediante a produción dun recurso renovable con múltiples aplicacións industriais.
Neste sentido, o presidente cualificou o Concello de Curtis como un “concello rural no corazón de Galicia que non perdeu a súa identidade” á vez que capta investimentos, e agradeceu á empresa que siga “mellorando, innovando e consolidando a industria” mentres apostan por “formar talento aquí para retelo”.

A visita desenvolveuse polos diferentes espazos da industria, que traballa na transformación de cereais -nomeadamente, millo- para transformalos en bioetanol, unha alternativa aos combustibles fósiles, ou outros derivados que se empregan, entre outras cousas, para fabricar piensos animais.
Tralo acto, o alcalde destacou a importancia de que empresas deste nivel continúen apostando por Curtis para desenvolver proxectos de futuro. “É unha satisfacción comprobar que o noso concello segue sendo un referente para iniciativas industriais deste tipo, vencelladas á innovación e á sustentabilidade”, sinalou.
O rexedor engadiu que “estamos falando dun investimento moi importante, superior aos 10 millóns de euros, que será unha oportunidade para fomentar a actividade económica no noso concello e xerar oportunidades no noso rural”.
