O Concello de Curtis abre cinco expedientes de declaración de ruína para garantir a seguridade da veciñanza

O Concello de Curtis, a través da Área de Urbanismo, abriu cinco novos expedientes de declaración de ruína sobre edificacións que presentan un estado de deterioro avanzado e supoñen un risco para a seguridade dos viandantes. As actuacións responden ao traballo de localización e inspección que os servizos municipais levan a cabo de xeito continuo en todo o termo municipal.
Os inmobles afectados están situados na rúa Ronda da Coruña, na parroquia de Nosa Señora de Lourdes; no lugar da Baiuca, na parroquia de Fisteus; no lugar da Pedreira, na parroquia de Foxado; e dous na avenida Principal de Curtis.
No caso do inmoble da Pedreira, o Concello xa acadou un acordo coa propiedade para proceder á derruba da edificación e deixar o solar libre e sen perigo para a cidadanía. Neste sentido, cabe destacar que o goberno local prioriza a colaboración cos donos e donas das parcelas sempre que é posible.
Estas actuacións encádranse na liña de traballo que o Concello de Curtis vén desenvolvendo contra o feísmo e o deterioro do patrimonio edificado. Un exemplo recente é a culminación do expediente de derruba dunha edificación en ruínas no Igrexario, na parroquia de Fisteus, un proceso que se iniciara en maio de 2023 e que rematou coa demolición do inmoble trala declaración de ruína total.
De acordo coa Lei do Solo de Galicia, corresponde ás persoas propietarias o deber de manter os inmobles e solares en adecuadas condicións de conservación, seguridade e salubridade. En todo caso, desde o Concello de Curtis lémbrase que a tramitación desenvólvese sempre de xeito garantista cos dereitos do propietario, pero tendo en conta o rigoroso cumprimento da normativa.
