A música e o baile tradicional protagonizan unha Feira 1900 que trasladará Curtis a hai máis dun século

A Feira de 1900 chega á súa décima edición cun programa que trasladará Curtis a hai máis dun século o 25 e 26 de xullo. Esta edición estará dedicada á música e ao baile tradicional galego, cunha proposta que combina actuacións, exposicións, demostracións de oficios e obradoiros para todos os públicos. Deste xeito rememoraranse as antigas feiras da localidade, as dunha época na que o ferrocarril trouxo consigo a prosperidade para a vila.
Programación do sábado 25 de xullo
A xornada do sábado 25 arrancará ás 11:00 horas cos pasarrúas de Os Garatuxeiros e continuará ás 12:00 coa actuación musical e de baile da Asociación Mulleres da Carballeira. Ás 13:00 horas terá lugar a apertura oficial da feira cun pregón a cargo do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Tralo acto, regresará a música cunha sesión vermú con Antonio Barros.
A tarde do sábado completarase coa Charanga Os Celtas ás 17:30 horas e coa actuación de Quinta Receita ás 19:30 na Carballeira, o mesmo escenario que ás 21:00 horas acollerá o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, un dos pratos fortes da axenda.
Programación do domingo 26 de xullo
O domingo 26 abrirá de 11:00 a 12:30 horas cos pasarrúas de Os Garatuxeiros e Faragullas, ao que seguirá o teatro infantil “Vicki e a felicidade” ás 12:00 e o baile das Mulleres da Carballeira ás 12:30. Ás 13:30 horas celebrarase a sesión vermú con Eric Hidalgo na estación.
Xa pola tarde, ás 19:30 horas, o Paseo das Mozas con Embruxo percorrerá as rúas e, ás 20:30, Xosé Lois Romero & Aliboria porán o ramo cunha actuación na Carballeira.
Exposicións, demostracións de oficio e xogos tradicionais
A feira contará ademais con seis exposicións de balde: a Casa María Antonia Dans, unha mostra fotográfica de Laura Míguez na Maragata, “Curtis na lembranza – D’o íntimo”, unha exhibición de coches antigos, traxe antigo do Ballet Rei de Viana e traxes tradicionais de María Susana Peleteiro na estación de tren.
Os oficios tradicionais volven ser un dos eixos da cita con demostracións de forxa, canteiro, talla de madeira, cestería, obradoiro de coiro, torneiro, elaboración de gaitas, palilleiras de Betanzos, talla de cristal, cerámica, esparteiro, cosmética natural e unha mostra de etnobotánica galega.
O programa complétase con xogos tradicionais na Carballeira, obradoiros de cerámica, de elaboración de accesorios con feltro e de elaboración de xabón e cosmética natural. Por último, o chef André Arzúa ofrecerá varios showcooking os dous días con pases ás 11:30, 16:00 e 18:00 horas. É necesario inscribirse por WhatsApp no teléfono 659 11 77 87.
Programa completo
A programación completa da Feira 1900 de Curtis pódese descargar na seguinte ligazón:
