O Concello de Curtis denunciará ante a Garda Civil unha nova vaga de pintadas en instalacións municipais

O Concello de Curtis denunciará o luns ante a Garda Civil unha serie de pintadas realizadas en inmobles e instalacións de titularidade municipal. Os feitos afectaron ás naves do recinto feiral de Curtis, ao paso inferior da vía en Teixeiro e tamén ao campo de fútbol Lucas Vázquez.
Non se trata dun feito illado. O goberno municipal ven detectando actuacións similares de xeito reiterado en distintos puntos do termo municipal, polo que decidiu emprender medidas legais para frear esta situación e tratar de identificar os seus responsables.
O impacto destes actos non é só estético. Cada ano, o vandalismo supón un gasto adicional de 30.000 euros para o peto de todos os veciños e veciñas, tanto pola limpeza de pintadas e grafitis como pola reparación ou substitución de mobiliario urbano danado.
O alcalde, Javier Caínzos, sinalou que “falamos de espazos que son de todos e que se manteñen co esforzo de todos, así que cada pintada págaa a veciñanza”. O rexedor engadiu que “con eses 30.000 euros anuais poderiamos estar mellorando servizos ou instalacións en Curtis e en Teixeiro, en lugar de reparar ou cambiar danos na vía pública”.
Caínzos fixo tamén un chamamento á colaboración cidadá: “En primeiro lugar pedimos responsabilidade e respecto ao patrimonio público, pero tamén que quen vexa algo o comunique”.
Desde o Concello de Curtis lembran que continuarán traballando na conservación e no mantemento dos equipamentos públicos das dúas vilas e do conxunto das parroquias, o que implica actuar por vía legal ante os danos causados ao patrimonio colectivo.
