EXAME BANER HORIZONTAL

O Pleno do Concello de Curtis ratifica por unanimidade solicitar a Adif a construción dun paso soterrado á altura do antigo paso a nivel de Teixeiro

WhatsApp Image 2026 11 02 at 13.40.46

O Pleno do Concello de Curtis aprobou hoxe por unanimidade solicitar a Adif que execute a opción 3 para o novo paso peonil a distinto nivel na vía férrea en Teixeiro. Esta fórmula consiste nun paso soterrado situado á altura do antigo paso a nivel, unha solución máis segura e accesible para toda a veciñanza.

A proposta é froito das conversas e reunións técnicas mantidas con Adif, que presentou ao Concello catro alternativas. Estas sometéronse a un proceso de participación e consulta veciñal entre o 10 e o 31 de agosto, no que a opción 3 obtivo o 61% dos apoios. O Concello trasladara tamén as propostas aos grupos políticos con representación municipal, PP e BNG.

Coa aprobación de hoxe, o Pleno fai seu o resultado da consulta e fixa a opción 3 como postura oficial do Concello.

Ademais, solicitarase a Adif a intervención no edificio do almacén para facilitar a mobilidade peonil na contorna da estación. O Concello pedirá que a entidade asuma o 100% do financiamento, tanto da redacción do proxecto como da execución das obras do paso inferior.

Rede de Concellos Contra o Cancro 

O Pleno aprobou tamén por unanimidade a adhesión á Rede de Concellos Contra o Cancro, impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro coa colaboración da Deputación da Coruña. O Concello comprométese a traballar en tres liñas: promoción da saúde, atención a pacientes e familias, e participación social e voluntariado.

Entre as primeiras actuacións figura a habilitación de dous espazos sen fume, que serían o parque Ánxeles Penas, en Teixeiro, e a zona verde prevista na parcela da Casa Indiana, en Curtis. O obxectivo é optar ao recoñecemento "Concello Contra o Cancro – A Coruña".

Lingua galega e mesas electorais 

A corporación aprobou o apoio á actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, co voto a favor do grupo municipal do PP e o voto en contra do grupo municipal do BNG. O plan recolle case 700 medidas para promover o uso do galego en todos os ámbitos da vida pública, e foi aprobado polo Parlamento de Galicia o pasado 7 de outubro.

Por último, realizouse sen incidencias o sorteo dos membros das mesas electorais para as Eleccións Xerais do 29 de novembro. As persoas escollidas recibirán a comunicación conforme á lexislación vixente.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.