EXAME BANER HORIZONTAL

O Concello de Curtis pedirá a Adif a cesión do antigo almacén da estación de Teixeiro para retiralo e crear un espazo peonil máis seguro

WhatsApp Image 2026 11 03 at 14.15.16

O Concello de Curtis xestiona a retirada do antigo almacén da estación de Teixeiro para crear un espazo peonil máis seguro. A iniciativa enmárcase no acordo aprobado por unanimidade na última sesión plenaria do 2 de novembro, na que se ratificou solicitar a Adif a alternativa dun paso peonil inferior á altura do antigo paso a nivel para mellorar a comunicación entre ámbolos dous lados do ferrocarril.

O alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, explicou que “a localización deste edificio é un perigo para os veciños, porque os obriga a baixar á estrada e a asumir o risco de ser atropelados”. Detallou que “tras ser aprobada en pleno, o Concello xa enviara a proposta a Adif” para asumir esta parcela e permitir “a construción dunha beirarrúa lonxitudinal que facilite a mobilidade peonil ao longo da localidade”.

Na actualidade, unha das esquinas antigo almacén da estación bloquea a beirarrúa da avenida Dctor. Luis Novo, obrigando aos usuarios a descender á calzada, co conseguinte risco para a seguridade viaria. Trátase dun punto especialmente sensible da mobilidade na vila. O risco de atropelos vese acrecentado para as persoas con mobilidade reducida e os usuarios máis vulnerables, como nenos e maiores ou familias con carriños de bebé.

A retirada do inmoble permitiría habilitar un espazo peonil máis amplo e dar continuidade á beirarrúa. Deste xeito, eliminaríase un dos principais obstáculos para camiñar con seguridade nesta área e facilitaríase a mobilidade entre as dúas partes da localidade, mellorando en última instancia a calidade de vida da veciñanza.

No pleno do 2 de novembro, a corporación municipal aprobou por unanimidade ratificar a alternativa escollida polos veciños de entre as catro propostas por Adif para mellorar a permeabilidade do ferrocarril en Teixeiro. Deste xeito, solicitarase á entidade xestora da infraestrutura ferroviaria que constrúa un paso peonil soterrado á altura do antigo paso a nivel, opción que obtivo o 61% dos apoios no proceso participativo aberto polo Concello.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.