EXAME BANER HORIZONTAL

O Concello de Curtis ultima os preparativos da XXV Festa do Cabalo de Teixeiro, que se celebrará o vindeiro 2 de agosto

programa festa do cabalo 1

O Concello de Curtis afronta a recta final dos preparativos da XXV Festa do Cabalo de Teixeiro, unha das principais citas cabalares da contorna, que este ano acada a súa vixésimo quinta edición. O evento, organizado polo Concello de Curtis, reunirá afeccionados e participantes do mundo do cabalo este domingo 2 de agosto no parking do polígono industrial de Teixeiro.

A xornada arrancará ás 10:00 horas co Concurso Morfolóxico Oficial da Copa Galicia, puntuable para a Copa Galicia de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Ao longo da mañá sucederanse as distintas seccións de sementais, eguas, cabalos cruzados e ponis, cos correspondentes premios para cada categoría.

O programa contempla tamén probas de andadura, tanto na modalidade non federada como na federada, esta última integrada no Campeonato Galego de Andadura. A pista 3 acollerá, a partir das 16:30 horas, o Campeonato Galego de Enganches nas categorías de troncos, limonera e ponis.

A xornada continuará ás 18:00 horas co espectáculo ecuestre Paco Martos Horse Show. A entrega de premios está prevista para as 19:15 horas e, a partir das 19:30, terá lugar o sorteo dun equipo completo de equitación e a clausura desta edición especial.

A festa conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a Federación Hípica Galega.

programa festa do cabalo 2

PREME NESTA LIGAZÓN PARA ACCEDER AO PROGRAMA

O alcalde do Concello de Curtis destaca o papel dos campamentos municipais para facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares

concilia veran 2026 1

O alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, destacou o papel dos campamentos municipais de verán para facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares. O rexedor visitou as instalacións onde se desenvolve o programa Concilia no Verán 2026, que se despregou nos núcleos de Curtis e Teixeiro, e compartiu unha xornada cos nenos e nenas participantes, que aproveitaban a piscina para refrescarse neste día de calor.

Durante a visita, Caínzos salientou unha iniciativa que dá resposta directa ás necesidades dos fogares. “Estamos falando dun servizo que facilita a conciliación das familias durante as vacacións escolares, ofrecendo todo tipo de actividades de convivencia nun ambiente divertido e controlado”, sinalou o alcalde, que subliñou a boa acollida do programa entre os máis pequenos.

O campamento ofrece actividades educativas, corresponsables, deportivas, creativas e de lecer nun entorno seguro e divertido, pensado para que os máis novos gocen do verán mentres as súas familias concilian a vida laboral e persoal. Deste xeito, a oferta convértese nun recurso clave que facilita o día a día dos veciños e veciñas.

A iniciativa está financiada con fondos propios do Concello de Curtis e conta tamén co cofinanciamento da Xunta de Galicia, unha colaboración que permite manter unha oferta accesible e de calidade, e que impulsa o traballo constante do goberno municipal para ofrecer alternativas de conciliación.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.