EXAME BANER HORIZONTAL

Milleiros de pezas de Playmobil exporanse en sete grandes dioramas na VI Feira Exposición Playmobil de Curtis

O Recinto Feiral de Curtis acollerá do 30 de outubro ao 1 de novembro a VI Feira Exposición Playmobil, unha cita gratuíta para públicos de todas as idades que combina xogo, coleccionismo e creatividade. A mostra está organizada por PlaymoGalicia xunto co Concello de Curtis, coa colaboración da Xunta e da Deputación, e pretende atraer visitantes tanto do concello e a súa contorna como do resto de Galicia.

O público poderá percorrer sete dioramas de grandes dimensións, un deles cunha superficie de 16 metros cadrados. As escenas trasladarán as persoas visitantes ao Antigo Exipto, ao Salvaxe Oeste, ao planeta Marte ou ao universo de Heidi. En clave histórica e local, un dos dioramas estará dedicado aos castros galegos. A organización prepara tamén algunhas sorpresas.

A feira incluirá ademais un xogo para as persoas asistentes. Na entrada entregaráselles un papel no que deberán identificar varios erros agochados nos dioramas, e poderán entrar nun sorteo participando. Ademais, trasladaranse ata Curtis vendedores de Playmobil chegados de distintos puntos de España. Será unha oportunidade para que coleccionistas e afeccionados amplíen os seus inventarios e atopar pezas especiais.

A feira abrirá as súas portas na tarde do venres 30 de outubro, mentres que o sábado 31 poderá visitarse durante toda a xornada a partir das 10:30 horas. O domingo 1 de novembro permanecerá aberta ata as 19:00 horas, hora de peche desta edición.

Playmobil é unha liña de xoguetes que ten como base os coñecidos como “clicks”, figuras humanas cuxos seus accesorios, vehículos e edificios permiten recrear todo tipo de escenarios. A súa popularidade deu lugar a asociacións de coleccionistas que organizan exposicións e ferias arredor da marca, como é o caso do evento que terá lugar en Curtis.cartel feira exposicion playmobil

O Concello de Curtis expedienta dúas empresas por acometer talas de madeira sen autorización municipal

expedientes madeira

O Concello de Curtis abriu senllos expedientes sancionadores a dúas empresas madeireiras por acometer traballos de tala e transporte sen autorización municipal. O goberno municipal instou ás empresas a cesar de xeito inmediato este tipo de actividades e requiriulles documentación de diverso tipo, iniciando un procedemento ante dúas infraccións cualificadas como graves.

O goberno municipal actuou tras recibir diversas queixas veciñais. Ante os avisos, efectuáronse visitas de comprobación, constatándose sacas e acopios de madeira na vía municipal en dous puntos do concello. Un deles, entre o lugar dos Vilardois e a presa do Mandeo; o outro, entre o lugar de Montouto e da Graña, na parroquia de Foxado. En ámbolos dous casos, as respectivas empresas carecían de autorización.

A Ordenanza Municipal Reguladora do Depósito, Carga e Transporte de Madeira de Tala establece que é obrigatorio comunicar previamente a corta de plantacións forestais no termo municipal, ou o emprego de viais municipais para transportar a madeira se a tala afecta a outros concellos.

O obxectivo é minimizar os danos causados á vía pública por esta actividade económica, posto que o tipo de maquinaria empregada e a natureza dos traballos causan importantes desperfectos nas estradas e pistas de titularidade municipal.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.