
O Concello organiza este sábado a primeira edición do Torneo de Pádel Concello de Curtis, unha cita dedicada a impulsar a práctica deportiva e a convivencia entre os participantes. Os encontros disputaranse nas pistas de pádel de Curtis.
A competición desenvolverase ao longo de todo o día cun formato de fase de grupos, na que as parellas quedaron repartidas en tres grupos para xogar unha liguiña de todos contra todos. A partir dos resultados desa primeira fase, o torneo continuará cunhas eliminatorias divididas en fase Ouro (cos mellores clasificados de cada grupo) e fase Prata (de consolación), ata acadar as finais e a entrega de premios.
Os partidos da fase de grupos disputaranse ao mellor de dous sets cunha duración máxima establecida; as semifinais, ao mellor de dous sets cun super tie-break a 10 puntos, e as finais, ao mellor de tres sets sen limitación horaria. Toda a competición se xogará na modalidade de punto de ouro, cun sistema de autoarbitraxe entre as propias parellas participantes.
Co fin de garantir o bo estado das instalacións de cara ao torneo, desde o Concello de Curtis infórmase de que as pistas de pádel permanecerán pechadas tamén este venres 19, como medida preventiva para evitar posibles desperfectos.