Obra de monicreques en Teixeiro para dar a coñecer a obra de Rosalía de Castro
O Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro será o escenario do espectáculo de monicreques 'A viaxe de Rosalía' que celebrarase o vindeiro sábado, 2 de abril, ás 12.00 horas.
Nesta actividade gratuíta utilizaranse monicreques de mesa e as ferramentas da narración oral tradicionais para dar coñecer pasaxes da vida e algúns dos poemas da poetisa Rosalía de Castro da man da actriz e titiritera Larraitz Urruzola.
O espectáculo enmárcase no programa FalaRedes de dinamización lingüística.
O CIM organiza un curso de coidado ás persoas dependentes para mulleres desempregadas
O Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Curtis organiza un curso de administración de alimentos e tratamentos a persoas dependentes no domicilio destinado a mulleres inscritas como demandantes de emprego. O curso impartirase no Edificio Multiusos de Curtis do 11 de abril ao 10 de maio, de luns a venres, en horario de 10.00 h a 13.00 horas.
O prazo de inscrición á actividade formativa, de carácter gratuíta, está xa aberto e rematará o vindeiro 1 de abril. As prazas son limitadas.
A inscrición poderá realizarse no CIM, ubicado na Casa do Concello en Teixeiro (Telf. 981 789 003), ou na Oficina Municipal de Curtis (Telf. 981 777 105).
Aberta a inscrición até o 3 de marzo para un taller gratuíto de italiano
O Concello de Curtis abriu o prazo de inscrición para un taller gratuíto de italiano, que comezará a impartirse na semana do 7 de marzo. O último día de inscrición será o 3 de marzo.
A profesora será Claudia Pulin, unha moza nativa de Vicenza, Italia, que xunto a Natalia Makarchuc, de Moscova, realiza labores de voluntariado no Concello a través do Servizo Voluntario Europeo.
En función das persoas inscritas, fixarase o horario e o lugar onde se impartirá o taller.
Curso de boxeo francés en Teixeiro o fin de semana do 20 e 21 de febreiro
A Federación Galega de Boxeo organizará este fin de semana, 20 e 21 de febreiro, un ‘stage’ técnico de boxeo francés ou Savate dirixido a calquera deportista que desexe mellorar coñecementos sobre esta modalidade, que está a gañar en relevancia e que crece tanto en número de seguidores como de competidores. O Savate é un estilo de combate que utiliza os puños e as pernas. Sistematizado na época posnapoleónica, en Francia, é a única arte marcial nacido en Europa que existe como deporte e defensa persoal.
O curso enmárcase nas actividades programadas no convenio asinado entre a Federación e o Concello de Curtis co fin de potenciar as instalacións deportivas do municipio e impulsar o coñecemento e a práctica de diversas disciplinas deportivas, así como a organización de actividades e campionatos que axuden a promocionar o concello.
A parte teórica do curso impartirase no salón de actos do Centro Etnográfico do Río Mandeo, en Teixeiro, mentres que a práctica desenvolverase no pavillón polideportivo desta localidade. O alumnado poderá durmir de forma gratuíta no albergue das instalacións.
O programa de curso será o seguinte:
Sábado:
- Savate de competición Combat Assaut, a cargo de Manuel Planas Otero.
Domingo:
- Regulamento de arbitraxe, a cargo de Francisco Castro Neto.
- Graos técnicos no Savate, a cargo de Miguel Bordera Pascual.


