As feiras tradicionais que se organizan dous días ao mes en Curtis e en Teixeiro son parte esencial da vida comercial do municipio, pero tamén son o escaparate da excelente calidade dos produtos gastronómicos e da artesanía local, ademais de centro de reunión de gandeiros, agricultores e veciños que se achegan de toda a comarca.
Os máis de 150 postos do Mercado Comarcal, que se celebra todos os días 9 e 23 de cada mes no Recinto Feiral, converten esta feira nunha das máis importantes e antigas da área de Betanzos xa que o seu nacemento e auxe foron paralelos ao da estación de ferrocarril en Curtis, inaugurada en 1883 e que foi parada obrigatoria para os trens xa que un depósito de auga nas proximidades permitía abastecer ás máquinas de vapor.
O mercado é hoxe en día un referente na comercialización de produtos locais da terra de primeira calidade: queixo, mel, froita verduras, hortalizas, pan e carne, entre outros, así como de produtos artesanais. Pero tamén ofrece unha completa oferta tanto do sector téxtil (roupa, calzado, bixutaría) como de enxoval e decoración.
As obras de mellora realizadas nas súas instalacións os últimos anos foron encamiñadas a extremar as medidas de hixiene e salubridade, así como a separar e acondicionar as distintas naves do Recinto Feiral para os seus distintos usos, xa que ademais da venda directa ao consumidor tamén celebra unha das máis destacadas feiras gandeiras e cabalar da provincia. Así mesmo, dispón dunha nave pechada onde poder probar o popular polbo galego e a carne ao caldeiro.
En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.