Figuras ilustres
San Pedro de Mezonzo, José Sánchez Anido, María Antonia Dans e José Martínez Pardo dan forma, xunto a outros veciños ilustres do municipio de Curtis, a esa historia e a este presente que merece ser lembrado pola súa destacada contribución ao mundo da ciencia, das artes, das letras, a política e a relixión. Xusto é recoñecer a súa contribución.
San Pedro de Mezonzo
Natural de Chacente (Santa Eulalia de Curtis), foi abade de diversos mosteiros, Bispo de Iria Flavia-Compostela e autoridade moi próxima aos reis nunha época de grandes transformacións. Da familia dos Placencios, ordenouse no Mosteiro de Mezonzo, onde xa se gañou a súa fama de home sabio, e trasladouse despois ao de Sobrado, onde foi nomeado abade, cargo que tamén exerceu na abadía compostelá de Antealtares. Viviu moi de preto a etapa convulsa da invasión dos Normandos, que foron arrasando todo o que atoparon ao seu paso e que, ao chegar a Curtis, destruíron, entre outras construcións, a igrexa de Santa Eulalia. Mezonzo restaurouna despois, á vez que centrou os seus esforzos en reorganizar as terras, consolar aos desvalidos e socorrer aos feridos e danados.
En 985 é elixido Bispo de Iria-Santiago, á idade de 55 anos, e como tal afronta a invasión de Almanzor, que chegou a Compostela mentres Pedro de Mezonzo se encargaba da evacuación. O caudillo árabe deixou a cidade en cinzas e levou as campás da catedral a Córdoba. Conta a historia que o Bispo conseguiu que non profanasen as reliquias do Apóstolo rezando ante o sepulcro con tal intensidade que foi respectado polo propio Almazor. Morreu en 1003 cando aínda se atopaba en pleno proceso de reconstrución de cidades, vilas e conventos.
Da súa herdanza pódese destacar, ademais, a composición de Sálvea Regina.
A súa biografía recóllese no libro 'Santa Eulalia de Curtis, berce de San Pedro de Mezonzo', de Sergio Vázquez Rouco
Antón de Pepiño
Nacido en Modillós (Teixeiro) en 1874, Francisco Antonio Sánchez García, máis coñecido polo pseudónimo de Antón de Pepiño pola casa dos seus pais, foi un prolífico poeta galego que formou parte dun grupo de escritores que continuaron coa obra dos mestres do século XIX. A súa obra literaria, editada en parte polo Concello, consta fundamentalmente de poesía, relatos breves e artigos que mesturan o literario, a información e a crítica literaria e político-social.
Empezou a súa obra literaria en Bos Aires, onde a súa familia marchou emigrada, e xa en 1905 entrou a formar parte da Real Academia Galega. Ao seu regreso a Galicia, viviu entre Teixeiro, onde a súa filla Eladia abriu unha farmacia, e Santiago. Foi na capital galega cando en 1925 foi nomeado director do Diario de Galicia, cargo que ocupou até o seu falecemento en 1939, e onde establece relacións con importantes figuras do panorama cultural galego como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira Valverde ou Álvaro Cunqueiro.
María Antonia Dans
Considerada unha das pintoras máis relevantes de Galicia, a súa traxectoria pictórica está moi marcada polas paisaxes da súa infancia en Curtis. Aínda que naceu en Oza, a súa familia trasladouse sendo moi nena ao municipio curtiense, ao que sempre se mantivo moi vinculada e ao que regresaría con regularidade.
Adiantada para a súa época, "foi capaz de asumir unha modernidade e independencia que apenas se lle permitía a unha muller no panorama da posguerra española", segundo lembra María Luisa Sobrino Manzanares na súa biografía.
As súas primeiras leccións de debuxo recibiunas na Coruña, cidade na que organizou tamén as súas primeiras exposicións ata que casou e foise a vivir a Madrid. Nesta etapa estreitou as súas relacións con outros autores e estilos, pero nas súas obras mantivo sempre unha temática enraizada no mundo rural galego e optou por un tipo de pintura figurativa e paisaxística.
A súa obra percorreu toda España e participou en numerosas exposicións colectivas no estranxeiro. En París concedéuselle a medalla da vila e obtivo a máxima distinción do Museo de Arte Contemporánea. Obtivo, ademais, numerosos premios e medallas.
María Antonia Dans faleceu en 1988 . É nai da actriz Rosalía Dans.
Pedro A. Sánchez Vaamonde
Este cóengo, catedrático e home ilustrado naceu en Santa Eulalia de Curtis en 1749. A súa talla intelectual, achegas mecenísticas e a súa capacidade de investigación convértenlle nunha das figuras estelares da época da Ilustración do século XVIII.Moi pronto destacou pola súa capacidade e o seu compromiso por mellorar a vida das persoas sen recursos, e polo seu especial interese pola formación dos máis necesitados. Con 34 anos fundou xa a Sociedade Económica de Compostela e pouco despois unha escola de primaria en terreos da súa propiedade para poder escolarizar aos nenos da súa parroquia natal. Anos máis tarde, xa sendo cóengo da catedral de Santiago, continúa con este labor e crea a Academia de Debuxo de Compostela para axudar aos estudantes máis pobres, labor que apoiou mesmo con achegas do seu patrimonio persoal.
En 1806 funda a Biblioteca Pública Consular da Coruña. Ese mesmo ano falece, e deixa a súa herdanza ao mantemento e ampliación desta institución.
A súa faceta como sociólogo e historiador céntrase na investigación sobre as fábricas de curtidos de peles de Curtis, a situación da gandaría en Galicia, a navegabilidade do río Miño para mellorar a economía das zonas de viñedos e a mellora da Praza de Abastos de Santiago.
A súa biografía recóllese no libro 'Santa Eulalia de Curtis, berce de San Pedro de Mezonzo', de Sergio Vázquez Rouco
José Sánchez Anido
Avogado e político, naceu na familia fidalga propietaria do Pazo de Santaia. Representou nas Cortes a Galicia durante catro lexislaturas polo Partido Liberal, primeiro polo distrito de Ortigueira e logo polo de Betanzos. Viviu gran parte da súa vida en Madrid, onde foi concelleiro e tenente de alcalde, pero todos os veráns regresaba ao seu Curtis natal.
Na gravación 'De aconteceres lonxanos, arumes de xentes e terras', editada polo concello, lémbrase que foi un político de gran sensibilidade social, "como toda a súa familia". Entre as súas grandes preocupacións, como mostran os artigos asinados por el nos diarios liberais da época, destaca o seu interese por mellorar as condicións de vida das familias máis necesitadas.
O seu irmán Juan chegou a ser alcalde de A Coruña, onde unha rúa leva o seu nome.
Gravación en 'Aconteceres lonxanos, arumes de xentes e terra', editada polo Concello de Curtis.
Ánxeles Penas
Esta artista no sentido renacentista do termo, poeta, pintora e escultora, é natural de Teixeiro. O seu soño, asegura, é abrir un museo no municipio como legado da súa ampla obra e a doutros afamados artistas.
Ánxeles Pena foi desde moi nova unha alumna avantaxada, tanto no colexio como estudando Filosofía e Letras e Belas Artes. Con tan só 22 anos gañou o seu primeiro premio de poesía con Carballo Calero como valedor. Muller inquieta e curiosa, non tardou en probar outras artes, como a pintura, fascinada pola luz, ou pola escultura, onde destacan as súas obras en pedra, madeira e cartón.
No seu haber conta xa con máis de cincuenta exposicións e numerosos premios literarios, tanto como poeta como dramaturga. O seu imaxinario, como a ela gústalle lembrar, mantense ao longo do tempo, desde que publicou a súa primeira obra ‘Cos pés na terra’.
Dous das súas obras forman parte do patrimonio municipal, os gravados 'A ave de Minerva' e 'Pasaxe secreta’, que están expostos nas dependencias municipais de Curtis e Teixeiro. Ademais, leva o seu nome un parque público de Teixeiro.
José Martínez Pardo
Fillo Adoptivo de Curtis. De familia de médicos, atendía a súa consulta na súa vivenda, a Casa Grande da Carregosa (Santaia), onde os veciños lembran as salas de espera sempre cheas, aínda que era tamén frecuente velo percorrer a zona a cabalo visitando aos enfermos.
Era o doutor de Curtis, Aranga e do ferrocarril do norte, pero, sobre todo, se lle lembra por atender de forma gratuíta ás familias máis desfavorecidas, ás que mesmo chegou a custear do seu propio peto os tratamentos médicos.
Profesional incansable, xogou un papel moi importante durante a peste que arrasou o país en 1918, e por iso foi nomeado Fillo Adoptivo de Curtis. O concello, en agradecemento polo seu labor desinteresado, dedicoulle unha das rúas principais do municipio e un monolito, que se descubriu nunha homenaxe multitudinaria en 1958.