Logotipo
Aprobado en Pleno municipal o 30 de xaneiro de 2008
O logo de Curtis é a historia dun abrazo, o das iniciais dos topónimos dos dous núcleos de poboación máis importantes do municipio, Teixeiro e Curtis. Este abrazo representa a unión de forzas dun concello moderno e con capacidade para irmandarse ante a adversidade e os retos. Con este logo buscouse salvar as diferenzas históricas entre estas dúas poboacións, presentes mesmo no escudo municipal, onde aparecen como cruces de malta separadas polo carballo, equidistantes e illadas.
Pero, aínda que o logo visualiza a unión de Teixeiro e Curtis creando un lazo de continuidade, unha espiral dinámica, para que fose realmente representativo se incluiron outras catro pezas, unha por cada parroquia do municipio: Santa María de Fisteus, Santa María de Foxado, Santa Eulalia de Curtis e Santa María de Lourdes.
En canto á tipografía, buscouse unha con carácter, sólida, combinada con outra complementaria máis simple. Inspirada na Bauhaus, as liñas rectas e curvas conseguen un logo limpo, lexible e con personalidade. En conxunto, é un imagotipo dinámico, actual, un xogo visual que coa masa e o baleiro permite imaxinar figuras de todo aquilo que un pobo pode conseguir con ilusión e constancia.
No que se refire ao cromatismo, rescatouse a cor básica do escudo do municipio, o amarelo (alaranxado), considerada a cor máis optimista e alegre, que evoca abundancia e agudiza o intelecto e que, segundo Goethe, "no seu matiz máis puro leva sempre a natureza da claridade e posúe un carácter de serena xovialidade e doce estimulación". A cor complementaria é o gris, que achega a seriedade que requiren os imagotipos institucionais.