Numeracion Curtis logos

Bono coidado para a atención a domicilio de menores de 12 anos

bonoNormativa

ORDE do 25 de febreiro de 2019 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención de nenas e nenos menores de doce anos a través do programa Bono coidado e se convocan para o ano 2019.(DOG nº 214 do 8/3/2019). BS412A

Obxecto

Regular a concesión e convocar axudas económicas ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019.

Persoas beneficiarias

Pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de doce anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

  1. Ter unha nena ou un neno nada/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 cando o servizo para o cal se solicita axuda se recibise no último trimestre do ano 2018, e con posterioridade ao 31 de decembro de 2007 para aqueles que se reciban durante o período subvencionable do ano 2019.
  2. Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do ano 2017.
  3. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tipo de axuda

Consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio e/ou de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social para atender necesidades puntuais -ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia- previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, nos seguintes supostos convenientemente acreditados:s:

  1. Enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da unidade familiar.
  2. Enfermidade da persoa coidadora habitual.
  3. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
  4. Situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan que os membros da unidade familiar atendan o/a neno/a.

Concederase un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado. O número total de horas concedido incrementarase un 15 % por cada fillo/a menor de doce anos a partir do primeiro.

Contía

Estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:

  1. Ata 3.750 euros: 14 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 100 % do importe facturado, cun límite de 5 €/hora para o resto de servizos.
  2. Superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 80 % do importe facturado, cun límite de 4 €/hora para o resto de servizos
  3. Superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 65 % do importe facturado, cun límite de 3,25 €/hora para o resto de servizos
  4. Superior a 10.000 e ata 13.500 euros ou superior dentro dos límites establecidos para poder ser beneficiario: 7 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 50 % do importe facturado, cun límite de 2,5 €/hora para o resto de servizos.

As mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a axuda prevista na letra a).

Período subvencionable

Desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de novembro de 2019.

Renda per cápita

Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras.

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e mais a formada por unha soa persoa proxenitora e:

  1. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
  2. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  3. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.
  4. As menores e os menores en situación de acollemento familiar.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da adición das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2017, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do IRPF.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do IRPF.

Documentación

SolicitudeSolicitude | Presentación electrónica na sede

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de DNI.

c) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.

e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

g) Documentación acreditativa da monoparentalidade, cando fose expedida por outra comunidade autónoma.

h) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

i) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

  1. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.
  2. - Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  3. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
  4. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
  5. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
  6. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Lugar de presentación

A través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social

En calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo

Comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG e finalizará o día 2 de setembro de 2019 (por ser o 31 de agosto inhábil).

Pagamento

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a seguinte documentación:

  1. Solicitude de pagamento (anexo III).
  2. Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) dos gastos realizados, onde conste expresamente a identificación (nome e DNI) da persoa que recibe o servizo e o día e hora/s en que se prestou e o nome e NIF da persoa ou empresa que emite a factura e prestou o servizo.
  3. Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura. Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un recibo do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e o seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros.
  4. Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda: xustificante médico de enfermidade do/da neno/a, da persoa coidadora habitual ou do cónxuxe ou parella e de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade; certificado de asistencia a entrevistas de traballo ou cursos de formación; certificado da empresa acreditativo do motivo de carácter laboral que impide o coidado do/da neno/a ou declaración responsable, e documentos de alta censual (modelo 036) e de alta na Seguridade Social para o caso de traballadores/as autónomos/as.

No suposto de se producir algunha variación na renda da unidade familiar ou respecto do declarado no momento de presentación da solicitude, deberáselle comunicar á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato. De non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente onde ingresar a axuda.

Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do 5 de decembro de 2019.

  • Máis información: Servizos Sociais do Concello de Curtis

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.