Contorna
A parroquia de Foxado está bañada polo río Mandeo. Nace no alto das Pías (720 m.) ao lombo da Cova da Serpe e desemboca na ría de Betanzos. Durante o seu paso polo municipio recibe un gran número de afluentes como o río Portocastro, Casteirón, Ramalleira ou o propio Deo, todos eles de troitas.
No último tramo do percorrido por Curtis, o Mandeo atópase represado debido á presenza da Central Eléctrica de Aranga. Nesta pequena presa pódense observar varias especies de anátidas, algunhas todo o ano, como o Ánade real. E outras, con todo, só é posible observalas nas épocas de migración cando fan as paradas para alimentarse e descansar.