Patrimonio histórico-artístico Santa Eulalia de Curtis
Castros
-
Castro de Frádegas. Amurallado en todo o seu perímetro, conta cun foxo polo suroeste.
-
Castro de Santaia: Circular, presenta restos dun antecastro e un foxo.
-
Castro de Vilardois: Érguese nun esporón sobre o río Mandeo que actuaba como defensa natural. Polo leste conta con muralla e foxo.
-
Castro de Vilarullo: Castro cun recinto circular e foxo.
Arquitectura relixiosa. Igrexas
-
Igrexa de Nosa Sra. dos Remedios (s.X). Construída para cristianizar un lugar de ritos celtas. Na súa contorna atopábase a fonte da nosa Señora á cal se lle atribúen augas milagrosas. Destaca o retablo do altar maior, obra do mestre compostelán Enrique Carballido, e a súa espadana, do século XVIII. Á beira do templo áchase o Carballo da Nosa Señora, un xigantesco carballo centenario onde, segundo a tradición, apareceu a Virxe dos Remedios.
-
Igrexa de Santaia. Xa hai constancia da súa existencia antes do século IX pero foi reconstruída no s. X por San Pedro de Mezonzo sendo Bispo de Iria tras o asalto dos normandos na súa segunda incursión en Galicia. Foi remodelada no s. XVI. A imaxe de Santa Eulalia é do tallista Juan Brocos, de Santaia.
Arquitectura relixiosa. Cruceiros
-
Cruceiro de crucifixo. Construído en 1858 grazas a Don Pedro Sánchez. Tallado polo mestre Ferrín, ten plataforma e pedestal cuadrangular. Mostra a imaxe da Virxe rodeada por unha serpe e un Cristo crucificado polo anverso, labradas por Clemente Dopico, de Ponteceso.
-
Cruceiro de cruz na Igrexa de Nosa Sra. dos Remedios. A súa plataforma e pedestal son cuadrangulares. Na parte dianteira destaca unha ara antiga procedente da Igrexa dos Remedios.
Arquitectura civil
-
Pazo de Santaia. Do s. XVII. Destaca pola cheminea da antiga porta de acceso. Entre os seus moradores, destaca a figura de Don Pedro Sánchez, que naceu nesta casa en 1749 e que foi Racionero da Igrexa de Santiago, fundador da Sociedade Económica de Compostela e da Biblioteca Pública da Coruña no edificio Consular. Ademais, levantou a escola pública de Santaia.
En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.