5 razóns para coñecernos
A localidade coruñesa de Curtis atópase moi preto do corazón de Galicia, entre os límites da provincia da Coruña e Lugo e a un paso de Santiago, capital galega.
1. Quen se achegue a Curtis descubrirá que a súa localización estratéxica define o carácter aberto e amable das súas xentes, permite as súas boas comunicacións e afianza a súa aposta por un modelo que mantén a esencia dos municipios rurais pero cuns servizos públicos modernos e accesibles que garanten a calidade de vida e o benestar dos seus cidadáns.
2. Quen se achegue a Curtis atoparase con que este municipio de máis de 4.000 habitantes e 117,5 quilómetros cadrados destaca pola gran beleza natural das súas paisaxes e polo seu compromiso por conservar o medio ambiente conciliándoo co respecto aos sistemas tradicionais de explotación, motivo polo que foi catalogado pola UNESCO en 2013 como Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
3. Quen se achegue a Curtis gozará deste coidado polo medio natural, un dos seus grandes atractivos turísticos xunto co seu patrimonio, a súa historia e a súa gastronomía.
4. Quen se achegue a Curtis coñecerá un concello emprendedor e vital, dividido en 4 parroquias e en 142 núcleos de poboación, no que adquiren especial relevancia as súas dúas áreas urbanas, Curtis e Teixeiro, que concentran as zonas comerciais e de restauración, así como os principais servizos púbicos.
5. Quen se achegue a Curtis achará un territorio que defende o seu desenvolvemento económico a través do sector primario e de servizos, pero tamén da industria, e cun crecemento que lle converte no municipio da comarca de Betanzos, da que forma parte con outros nove concellos, coa maior renda por habitante.
Por iso, por estas razóns, e por moitas máis, paga a pena coñecer Curtis.