Numeracion Curtis logos

Subvencións do Plan Renove de instalacións eléctricas comúns

industriaNormativa

Orde do 9 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativa ao Plan Renove de instalacións eléctricas comúns, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2017 (códigos de procedemento IN412E-IN412F). (DOG nº 52 do 15/03/2017)

Obxecto

Incentivar a renovación de instalacións eléctricas comúns en edificios de vivendas, co fin de mellorar as súas condicións de seguridade e favorecer a incorporación de medidas de eficiencia enerxética, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión. (procedementos IN412E-entidades colaboradoras e IN412F-solicitudes de axuda).

Actuacións e custos subvencionables

  • A reforma das instalacións eléctricas comúns dos edificios de máis de 25 anos destinados principalmente a vivendas para adaptalas na súa totalidade ao Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC.
  • A substitución de chaves e interruptores convencionais por detectores de presenza.
  • Os custos relativos a pequenas obras auxiliares de construción necesarias para acometer a instalación, sempre e cando veña detallado na factura.

As reformas das instalacións eléctricas que se realicen deben cumprir coas seguintes condicións:

  • Realizarse no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Os edificios estarán destinadas principalmente a vivendas e dispor de máis de dúas subministracións destinadas a esta finalidade.
  • Tratarse de instalacións de titularidade de comunidades de propietarios ou predios de propiedade de particulares.
  • As instalacións deberán quedar adaptadas na súa totalidade ao Real Decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC.
    Os aparellos que sexa preciso instalar deberán ser novos e cumprir coa lexislación que lles sexa de aplicación (marcación CE, etc.).

Contía da axuda

Máximo de 150 euros por contador, cun límite máximo de 3.000 euros por instalación. En calquera caso, a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do custo total da instalación.

Beneficiarias

As comunidades de propietarios ou persoas físicas propietarias de edificios de uso residencial con dúas ou máis vivendas.

Lugar de presentación e documentación

As persoas interesadas dirixiranse a unha entidade colaboradora e aceptarán unha instalación que cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 3 das bases.

Documentación

  • Solicitude do beneficiario asinada (anexo IV).
  • Autorización para representación pola entidade colaboradora segundo o anexo VI.
  • Fotografías da instalación que se vai reformar.
  • Orzamento detallado da instalación (só das actuacións subvencionables).
  • Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no punto f) do artigo 8, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

Se a solicitante é unha persoa física: copia do DNI/NIE (no caso de denegar a súa consulta) e documentación acreditativa da propiedade ou recibo do IBI a nome do solicitante.

Se a solicitante é unha agrupación de persoas físicas, o representante deberá asinar a solicitude e achegar a seguinte documentación:

  • Copia do DNI/NIE dos solicitantes, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  • Documentación acreditativa da propiedade ou recibo do IBI.
  • Copia do documento que acredite a constitución da agrupación.
  • Copia do nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
  • Documento en que consten os compromisos de execución asumidos, así como o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios (anexo V).

Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • Se a solicitante é unha comunidade de veciños, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o/a presidente/a desempeñará a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, para isto deberá presentar:
  • Copia do NIF da comunidade de propietarios, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  • Copia da acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación de propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.
  • Copia da certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que se acepten as bases da convocatoria, se comprometan á execución das respectivas obras e se faculte o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.
  • Copia da acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

Prazo de presentación

Desde o 2 de maio ata o 1 de setembro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

Información

  • Departamento de Servizos Sociais, Concello de Curtis. Telf. 981789003

O prazo para xustificar o investimento rematará o 29 de setembro de 2017.

Axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados

emigracionAxudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as (S.X. Emigración)

Normativa:

Resolución do 6 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. (DOG nº 52 do 15/03/2017)

Obxecto:

Concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarios:

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma galega:

  1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
  2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.

As persoas beneficiarias deberán ter a nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Requisitos:

  1. Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de 3 anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  2. Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do retorno a España e a data de presentación da solicitude.
  3. Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
    Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante as previstas nesta resolución. Entenderase como rendas ou ingresos suficientes os que non superen, en cómputo global, o IPREM, e relativos á renda per cápita da unidade familiar (1)
  4. Carecer bens patrimoniais suficientes (mobles e/ou inmobles). (2)

Quedan excluídas destas axudas as persoas que resultasen beneficiarias en calquera das tres convocatorias inmediatamente anteriores á presente.

  1. Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito, non separado legal ou de feito, e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o primeiro grao en liña ascendente e descendente da persoa solicitante, sempre que convivan con ésta. Só se computarán como membros da ud. familiar os que consten no mesmo domicilio segundo os datos do Padrón Municipal ou da certificación municipal de convivencia.
  2. Entenderase como bens mobles suficientes, cando na ud. familiar da persoa solicitante o seu valor supere o límite de 10.000 €, mais 2.000 € adicionais por cada un dos restantes membros; e como bens inmobles suficientes, cando a suma dos seus valores de todas as persoas que integran a ud. familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 €.

Axudas:

Axudas de carácter xenérico: para facer fronte á situación derivada do retorno previstas nesta resolución pagaranse por unha soa vez, e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5; para os efectos fixarase un valor en euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

Co obxecto de protexer a situación daquelas persoas que estean nunha situación de maior vulnerabilidade, a unidade de puntuación terá un valor en euros diferente en función do número de puntos obtidos polas persoas solicitantes, de acordo coas seguintes regras:

  • Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan de 1 a 5 puntos: 250€ por punto.
  • Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan máis de 5 puntos: 350 € por punto.

Axuda a sufragar os gastos derivados do retorno: establécese unha axuda de pagamento único que incrementará a contía das axudas anteriores en 150 €, para a persoa beneficiaria procedente de Europa e en 400 €, para a persoa beneficiaria procedente de América e outros países.

Límite das axudas: Cando resulten beneficiarias varias persoas da mesma unidade familiar, a suma das súas axudas non poderá superar a contía de 6.300 €. Neste caso, a contía da axuda será o resultado de dividir a dita contía máxima entre o número de persoas beneficiarias.

Documentación (orixinal ou copia compulsada):

  1. Pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais para solicitantes que non teñan DNI. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase a nome do menor ou incapaz e será asinada polo seu representante legal. Neste caso deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.
  2. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia, e no caso de que a persoa solicitante fose cónxuxe, ou persoas con relación análoga á conxugal ou fillos/as dunha persoa galega e nacida en Galicia, documento que acredite o seu vínculo con esta.
  3. Libro de familia completo da persoa solicitante, ou documentación acreditativa dos vínculos de parentesco co resto dos membros da súa unidade familiar, se é o caso. Na súa falta, achegarase certificado de matrimonio, ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito, sempre e cando non poida ser expedido pola Xunta de Galicia, así como os certificados de nacemento dos fillos/as da persoa solicitante.En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.
  4. Certificación municipal de data actual, emitida polo concello galego de residencia da persoa solicitante que acredite a convivencia dos membros da unidade familiar.
  5. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  6. Certificación actualizada de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, se é o caso.
  7. Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo correspondente aos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e da súa unidade familiar, tal e como se recolle no artigo 4.1.d).
  8. Documentación acreditativa do valor dos bens, mobles ou inmobles da persoa solicitante e da súa unidade familiar, a excepción da vivenda habitual, tal e como se recolle no artigo 4.1.e).
  9. Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave.
  10. Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade ou dependencia, no caso de alegar tal circunstancia, só no caso de que non fosen recoñecidos pola Xunta de Galicia, ou tamén polo Imserso no caso de alegar dependencia.
  11. No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socio-ambiental emitido por un organismo oficial.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde teña fixada a residencia o/a solicitante, a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións. Os servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Prazo de presentación:

Ata o 31 de agosto de 2017, incluído.

Información:

  • Departamento de Servizos Sociais, Concello de Curtis. 981789003

Documento das axudas en PDF: pdf

 

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.