Numeracion Curtis logos

O Concello de Curtis aplicará con rigor a normativa ante as infraccións polo mal uso dos colectores

  • O Goberno local denuncia as imaxes lamentables dos colectores na Avenida Principal durante este fin de semana.
  • Lembra o esforzo que desenvolve o concello cos servizos de recollida gratuíta e a domicilio do papel cartón, dos enseres domésticos e dos plásticos agrícolas.

foto2O Concello de Curtis actuará con contundencia, aplicando as sancións recollidas na normativa local, ante as infraccións detectadas polo mal uso dos colectores de residuos do municipio. O Goberno local volve incidir na obrigación dos cidadáns de usalos correctamente despois de que este fin de semana Curtis amencese con imaxes lamentables de lixo esparexido pola Avenida Principal e de que se tirasen residuos en lugares non autorizados.

Este fin de semana tamén se recibiron denuncias sobre residuos abandonados en Montealto, entre eles electrodomésticos, que deberían de ser depositados no Punto Limpo.

A normativa establece multas que oscilan entre os 300 e 600 euros polo uso indebido dos colectores, que o Concello aplicará co máximo rigor, insistindo en que os cidadáns deben de contribuír a unha xestión máis eficiente do servizo de recollida e da reciclaxe. Con ese fin realiza periodicamente inspeccións para detectar as infraccións e aos infractores.

Ampliación das prestacións

montealtoO Concello ampliou as prestacións na última concesión do servizo de RSU, coa recollida gratuíta e  a domicilio, e tan só cunha chamada telefónica aos servizos municipais, dos enseres domésticos, do papel cartón tres veces á semana e dos plásticos agrícolas cada dous meses. Ademais, aumentou o número de colectores e instaláronse os de recollida de aceite. Tamén desenvolveu varias campañas de información co fin de concienciar aos cidadáns, comerciantes e hostaleiros de que a recollida selectiva coida o medio ambiente, facilita a reciclaxe e abarata o custo da prestación.

"O que non pode ser é que o Concello estea a realizar un esforzo económico para as recollidas porta e porta de xeito gratuíto e lonxe de recurrir a estes servizos se abandone o lixo en calqueira lado co dano medioambiental e o custe que se causa con esa conducta irresponsable", aclara o edil de Medio Ambiente, Antonio Fraga.

O Goberno local tamén lembra que a normativa impide que se coloque calquera tipo de publicidade no mobiliario urbano.

 

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.