Numeracion Curtis logos

O Castro volve integrarse na súa totalidade no municipio de Curtis ao recuperar os límites territoriais de 1945

  • O IGN dá a razón á tese do Goberno curtiense e pon fin á incerteza dos veciños e ás súas dificultades nas súas tramitacións coa Administración.
  • A demarcación territorial da aldea foi modificada hai anos polo catastro provocando que varias vivendas pasasen a pertencer a Sobrado.

plano castroA demarcación territorial da aldea de O Castro volverá coincidir coa fixada en 1945 polo Servicio Geográfico del Estado de forma que pasará a integrarse na súa totalidade en Curtis, segundo aprobou esta semana o Consello da Xunta. A resolución para que unha parte das vivendas dese núcleo que agora pertencen a Sobrado pasen ao municipio curtiense farase efectiva en canto sexa publicada no DOG.

A Xunta de Galicia recolle o informe emitido polo Instituto Geográfico Nacional, que ratificou os argumentos achegados polo Concello de Curtis tras estudar a documentación que lle remitiu a administración local e realizar un estudo sobre o terreo. O Goberno de Javier Caínzos pediu que o deslinde da aldea recuperase os marcos de 1945 e lembrou que este foi modificado hai anos polo Catastro cando, co obxectivo de evitar o corte de leiras, obviou as mouteiras que marcaban os límites entre concellos, provocando que varias vivendas quedasen incorporadas no municipio distinto ao de orixe.

Este cambio causou unha situación de incerteza entre os veciños, ademais de numerosas dificultades para realizar trámites ordinarios no día a día como empadroamentos, pago de impostos no concello respectivo ou realizar obras coas autorizacións ou licenzas esixidas pola lexislación urbanística. Tamén se dan casos de veciños que levan anos pendentes de resolver as transmisións de propiedades de herdanzas ou compras e vendas.

O alcalde curtiense saúda esta boa noticia para os veciños. "Agora poderán respirar máis tranquilos coa seguridade de saber en que municipio están situadas as súas propiedades e onde deben realizar todas as xestións relacionadas coa administración local", sostén.

 

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.