Numeracion Curtis logos

O CIM Curtis anima a regalar xoguetes infantís e xuvenís que non perpetúen estereotipos de xénero

  • Lanza unha campaña coa mensaxe de que "Non hai territorios de nenos e nenas senón territorios compartidos".

cim xoguetesA área de Igualdade do Concello de Curtis puxo en marcha a través do Centro de Información ás Mulleres unha campaña en favor dos xoguetes sen xénero para evitar reforzar os estereotipos machistas a través dos agasallos infantís e xuvenís que se compren este Nadal.

Desde o CIM curtiense lémbrase que aínda que ningún xoguete é sexista de seu, pode chegar a selo se con el se potencian os roles de xénero. "Nin as cociñas e as bonecas son xogos de nenas nin os coches e os xogos de científicos o son de nenos", aclara.

A campaña, que manda a mensaxe de que "Non hai territorios de nenos e nenas senón territorios compartidos", busca romper os estereotipos que tradicionalmente asocian determinadas cores, xoguetes e actividades a un xénero ou outro.

Segundo a edil de Igualdade, Nuria Sueiro, a campaña trata de promover o consumo de xoguetes que permita aos menores desenvolver libremente as súas capacidades e aptitudes para o futuro fomentando a igualdade desde idades temperás. "Animamos a apostar por xoguetes con valores sen pensar no xénero ao que van dirixidos", sostén.

A directora do CIM, Natalia Vázquez, cre necesario reflexionar sobre como a sociedade pode condicionar a través dos xoguetes "que debe gustar ou non a nenas e a nenos e que poden facer ou non, perpetuando a desigualdade entre homes e mulleres".

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.