Numeracion Curtis logos

Curtis quere adquirir a casa da pintora María Antonia Dans para crear un museo e dinamizar o asociacionismo

  • O Goberno local estuda as fórmulas para a súa adquisición e fixará unha folla de ruta en colaboración coas asociacións e colectivos do municipio.

foto casa dansO Concello de Curtis está a estudar as posibilidades de compra da vivenda da pintora María Antonia Dans de maneira que pase a formar parte do patrimonio municipal co obxectivo tanto de manter viva a memoria desta artista, cuxa obra está moi ligada á paisaxe e á vida curtiense, como de impulsar a vida cultural e veciñal.

A vontade do Goberno local é adquirir a propiedade, situada na Avenida Principal de Curtis, canto antes. Para iso, quere fixar unha folla de ruta en colaboración coas asociacións e colectivos do pobo e do municipio, os cales xa mostraron o seu interese por este proxecto, que o equipo de Goberno que encabeza Javier Caínzos sempre tivo en mente pero que mantivo á espera priorizando outras necesidades en etapa de crise. Agora, unha vez que o Concello leva tres anos con débeda cero e tras pechar as contas de 2016 e 2017 con superávit, retoma esta antiga aspiración. E máxime despois de coñecer desde onte a posibilidade de poder gastar o remanente dos concellos.

O alcalde, que xa escoitou aos diversos colectivos sobre o futuro desta casa para analizar as súas propostas, recolle as súas suxestións para crear un museo da pintura e ve con bos ollos a proposta de instalar tamén un museo da madeira pola vinculación deste sector co desenvolvemento económico do municipio. Ademais, prevé que sexa un espazo de dinamización da participación veciñal e un impulso para reactivar as accións do asociacionismo do concello.

A posta en marcha do proxecto esixirá o esforzo de todas as entidades sociais culturais e locais. Ademais da adquisición da edificación, unha vivenda con estrutura típica da zona, será necesaria a rehabilitación e a recuperación das zonas danadas e o mobiliario en mal estado.

O alcalde destaca a importancia desta iniciativa, que explicará máis a fondo nunha reunión veciñal que manterá este venres en Curtis, como unha alternativa máis á oferta actual que ofrece o Centro Etnográfico do Río Mandeo, as dúas feiras do municipio e o comercio e a hostalaría.

dansMaría Antonia Dans, a pintora

María Antonia Dans, aínda que natural de Oza, instalouse moi pequena coa súa familia en Curtis. Desde esta casa vía transcorrer a vida local e o desenvolvemento da feira, e no municipio descubriu as cores que acompañaron toda a súa creación artística. En Curtis tiña a autora o seu estudo galego, desde onde facía excursións co seu caderno de notas, onde tomaba apuntamentos que logo trasladaba ás súas obras.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.