Numeracion Curtis logos

BELÉN DO CAMPO VISITA O OBRADOIRO DE EMPREGO QUE DESENVOLVEN DE MANEIRA CONXUNTA OS CONCELLOS DE FRADES, MESÍA E CURTIS

ObradoirofradescurtismesiaObradoirofradescurtismesia2-1Os tres alcaldes cualificaron de moi positiva a iniciativa, que permitiu formar a 24 alumnos e acometer importantes traballos de conservación nos tres municipios

10 de xuño de 2013.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o obradoiro de emprego realizado de forma conxunta polos concellos de Frades, Mesía e Curtis, que se atopa xa na súa recta final. A Consellería de Traballo e Benestar destinou a esta iniciativa 211.597 euros, beneficiando a 24 persoas desempregadas de cara a mellorar a reinserción no mundo laboral.

Belén do Campo visitou a área recreativa de Os Pasos (na parroquia de Aiazo-Frades), onde os alumnos e alumnas deste obradoiro fixeron unha completa limpeza e posta a punto de cara a tempada de verán. Unha visita na que estivo acompañada polos alcaldes de Frades, Roberto Martínez; Mesía, Mariano Iglesias; e Curtis, Francisco Caínzos; así como pola xefa territorial de Traballo, Pilar Caridad; e o deputado autonómico Miguel Prado Patiño.

Satisfacción unánime dos alcaldes

Os tres rexedores coincidiron en amosar a súa satisfacción polo desenvolvemento deste obradoiro. O alcalde de Frades, Roberto Martínez, explica que "grazas a este obradoiro puidemos facer unha limpeza intensiva de todas as áreas recreativas de Frades. Ademais, os alumnos foron moi cumpridores e espero que esta formación que recibiron lles serva para atopar unha saída laboral".

Un punto no que incidiu o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, quen indica que "estou moi satisfeito co obradoiro, aínda que foi moi curto no tempo e polo feito de ter que repartirse entre tres concellos, pero tamén é un bo exemplo de traballo en común entre estes tres concellos. Unha cooperación que estamos dispostos a levar a outros campos". Por último, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, sinala que "foi unha experiencia moi positiva de traballo conxunto entre os tres municipios. Ademais, en Teixeiro fixo realidade a dotación de un campo de fútbol de titularidade pública á capital do Concello".

Preparación especializada

Segundo puido comprobar a representante do Goberno galego na Coruña, os alumnos e alumnas que participan nesta actividade desde o mes de decembro están a recibir preparación especializada para a realización de traballos de recuperación medioambiental nos tres municipios participantes. Así, nestes meses os alumnos levaron a cabo labores de forestación, acondicionamento e mantemento de áreas recreativas, prazas, zonas de esparexemento e espazos públicos, así como de manexo, cultivo de plantas, preparación de solos e substratos nos xardíns. Para a posta en marcha da actividade, formalizouse tamén a contratación dun director, un titor e varios mestres das especialidades que se estiveron a impartir.

Acompañada polos tres rexedores dos concellos participantes, Do Campo explicou que estas iniciativas permiten o acceso das persoas desempregadas a un posto de traballo ao tempo que ofrecen a formación teórica e práctica necesaria para que acaden unha boa cualificación. "O noso obxectivo é que con este obradoiro un 70% dos alumnos logren a inserción real no mercado laboral", apuntou a delegada territorial. Do mesmo xeito, recordou que os obradoiros tamén levan aparellada a realización de obras ou servizos para a comunidade en función das necesidades dos propios concellos, polo que se abre un importante espazo de colaboración.

Destinado a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral

Do Campo explicou que desde o último trimestre de 2012 estanse a desenvolver un total de 15 obradoiros na provincia da Coruña, que contan cun investimento de 3,3 millóns de euros e 371 beneficiarios. A iniciativa está destinada aos colectivos de desempregados e desempregadas que teñen especiais dificultades de inserción no mercado laboral.

"Nos vindeiros exercicios continuarase a impulsar os programas mixtos de formación e emprego", manifestou a máxima representante do Executivo galego na provincia, que apuntou que se dará especial relevancia á cooperación entre concellos, co fin de mellorar a eficacia e eficiencia nos investimentos da administración. De tal forma, seguiráselle a dar prioridade aos concellos que coordinen as súas solicitudes e mancomunen obras ou servizos ao igual que fixeron este ano Frades, Mesía e Curtis.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.