Numeracion Curtis logos

O Concello de Curtis aprobará en Pleno o Plan de Obras e Servicios para 2017, que ascende a 488.000 euros

  • Prevé destinar máis de 300.000 euros en melloras viarias e 183.873 euros en gastos de persoal.

pleno copyO Goberno curtiense prevé un investimento en 2017 superior aos 300.000 euros na mellora e rehabilitación de varios viarios do municipio, tanto en zona rural como urbana, con cargo ao Plan Único de Concellos POS+. Tamén incluirá unha achega de 183.873 euros para gastos correntes, pero non solicitará ningunha cantidade para o pago a provedores ao estar as contas municipais saneadas.

Concretamente, o equipo de Goberno proxecta ampliar e reforzar o firme do acceso a Quintadoniga e O Pereiral desde Penedo Rendal co fin de incrementar a súa capacidade para soportar o paso de maquinaria agrícola pesada, e rehabilitaranse as calzadas das rúas M.A Terrón e Alcalde Espiñeira, en Curtis, para evitar aumentar os custos en conservación e mantemento e posibilitar unha mellor resposta ante o aumento da intensidade do tráfico rodado.

Ademais, o Concello prevé pavimentar os camiños de acceso aos núcleos de Fisteus desde a N-634 nun tramo de dous quilómetros e medio, e a Gulpilleira, en ligazón de Vilardois, desde a AC-231, nun tramo dun quilómetro e medio.

A aprobación destas obras irá ao Pleno Extraordinario convocado para o xoves, día 23, así como as previstas no Plan Complementario, que inclúe reforzar o firme da calzada da estrada que vai da N-634 á Illana e do camiño de acceso ás Pereiras desde a mesma nacional, así como a rehabilitación da calzada da rúa Río Mandeo. O orzamento previsto neste caso é de 161.740 euros.

 

Os baños do CEIP de Teixeiro están adaptados desde principios de ano para alumnos con problemas de mobilidade

banos teixeiroO CEIP de Teixeiro dispón desde principios de ano de baños adaptados para alumnos con problemas de mobilidade. A actuación, coordinada entre o Concello curtiense, a Xefatura Provincial de Educación e o centro educativo, requiriu dun investimento de 6.000 euros.

Ademais desta adaptación, os operarios municipais cambiaron a rede de tubaxes de entrada de auga, que eran de ferro, por PVC de alimentación desde a entrada ata os aseos do colexio.

Coas obras do baño, quedan resoltos os problemas de accesibilidade deste CEIP, que xa dispuña dun acceso desde o exterior a través de ramplas e zonas libre de obstáculos sen que existan problemas de xiros en caso de ir en cadeira de rodas. En canto á mobilidade do interior, o centro escolar conta cun elevador eléctrico desde hai anos.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.