Numeracion Curtis logos

Curtis licita a redacción das modificacións do PXOM para adaptar o solo rústico á nova realidade dos usos e reducir os núcleos rurais

 

  • O Goberno local dá resposta ás propostas veciñais xurdidas dos procesos de participación cidadá, onde se detectou que en máis do 50% dos núcleos rurais os propietarios querían reducir a delimitación dos mesmos e cambiar a clasificación do solo rústico para maior rendibilidade.

pxom2016

O Concello de Curtis acaba de licitar a redacción das modificacións puntuais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a delimitación dos núcleos rurais e a determinación das categorías de solo rústico co fin de adaptalos á nova realidade do rural. A contratación ascende a 56.337 euros.

Aínda que o desenvolvemento do traballo está estipulado en tres anos, o Goberno Local espera que estea finalizado no prazo dun ano. Modificarase así o PXOM, en vigor desde o 1 de novembro do 2007, e adaptarase á nova Lei do Solo 2/2016 do 10 de febreiro.

Delimitación de núcleos rurais

Estas modificacións queren dar resposta ás peticións realizadas polos veciños durante o proceso de participación cidadá celebrado polo Concello o ano pasado, que puxo de relevo que os donos de predios en máis da metade dos núcleos rurais non tiñan previsión de edificar ou desenvolver parte das zonas urbanas recollidas dentro da delimitación dos núcleos rurais, para cumprir co establecido na normativa urbanística. Por iso, adaptarase o PXOM a esta realidade reducindo as delimitacións de determinados núcleos e reclasificando as fincas afectadas como solo rústico de protección agropecuaria.

Categorías solo rústico

Ademais, os cambios buscan actualizar os usos reais do solo para dar respostas ás necesidades das explotacións agrarias e forestais (zonas agrarias con aproveitamento de pradarías, cultivos ou forestais..,) e que estes se reflictan nas distintas categorías de chan rústico, o que permitiría un mellor aproveitamento dos propietarios. Pero, en ningún caso modificaranse as especiais proteccións, de augas ou de patrimonio fixadas no PXOM.

Actualización cartográfica

A intención do Concello tamén é que o PXOM recolla as modificacións que foron froito do cambio de trazado do sistema ferroviario, producidas pola eliminación dos pasos a nivel como os dos núcleos urbanos de Curtis e Teixeiro e os de Carroipaz e A Pena entres outros.

Cambios en solo urbano

Por último, a redacción deberá solucionar algúns erros detectados na actual normativa da PXOM en solo urbano como aliñacións ou actuacións previstas.

 

Curtis pechou o orzamento de 2015 cunha execución do gasto do 90,39% e cunha porcentaxe de pago do 98,20%

Foto Pleno

  • O remanente de tesouraría ascende a 2,8 millóns de euros. O equipo de Goberno destaca as limitacións de gasto pola lei de estabilidade orzamentaria e o teito de gasto.

As contas do Concello de Curtis pecháronse en 2015 cunha execución do gasto de 90,39% e cunha porcentaxe de pago das obrigacións recoñecidas dun 98,20%. Estas cifras reflíctense no informe de liquidación do orzamento municipal do ano pasado, do que se deu conta no úlltimo Pleno ordinario e que se abordou antes na Comisión Especial de Contas, na que ten presenza a oposición.

No informe detállese o alto cumprimento do gasto previsto en todos os capítulos, así como da porcentaxe de pagos realizados. Destes últimos, ademais destácase o expediente de depuración executado en 2015 por un importe de 639.700 euros.

No grao de execución dos ingresos, este foi do 148,47% (pasouse de 1,3 millóns a 4 millóns de euros). Esta sobre execución foi debida ao expediente de depuración e ao ingreso extraordinario de 900.000 euros polo concepto de ocupación de solo público das eléctricas do últimos catro anos.

Ademais, as contas de Curtis pecharon o 2015 cun remanente de tesouraría (o saldo que reflicte a solvencia ou capacidade económica que ten unha administración para afrontar as súas debedas) de 2,8 millóns de euros. O Concello estuda agora a que obras de sustentabilidade vai destinar parte deste remanente, sempre na escasa marxe que marca a lei de estabilidade orzamentaria e o teito de gasto.

Bonificacións do IBI

O equipo de Goberno tamén levou a pleno a aprobación de nove novas bonificacións do IBI para apoiar ás explotacións agrarias, gandeiras e forestais do municipio, das cales 4 foron a bonificación máxima (95%) e 5 do 50% ao ser explotacións mixtas. Até agora beneficiáronse destas bonificacións 88 explotacións, 38 delas da máxima e 50 do 50%. Este punto foi aprobado por unanimidade.

O Goberno local, ademais, denegou algunhas solicitudes de bonificación por non axustarse á normativa a ser uso residencial ou non ter construción e desestimou outras por non presentar en prazo a documentación necesaria a pesar de que se lles requiriu. Neste caso, o PP votou a favor e o BNG abstívose.

O Concello aprobou xa en 2014 a bonificación do 95% do IBI das explotacións agrarias, gandeiras e forestais, e axustou o ano pasado a normativa porque resultaba de difícil aplicación no caso dos inmobles mixtos, é dicir, que comparten outro tipo de construcións como vivendas, aos que lles correspondería outro tipo impositivo. Neste caso, a redución estableceuse nun 50%.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.