Numeracion Curtis logos

O Concello subirá un 1% o soldo dos traballadores municipais e creará 4 prazas máis para atención social a domicilio

  • O soldo do alcalde conxélase por cuarto ano consecutivo e créase unha segunda dedicación para atender a demanda do Polígono Industrial, programas europeos e os novos plans de mobilidade, medio ambiente e saúde.
  • O gasto social será unha das partidas que máis crecen en 2017.

concello curtisO Goberno local presentou o luns aos representantes sindicais do Concello de Curtis o proxecto dos orzamentos para 2017, no que se recolle, no capítulo I de gastos de persoal, un aumento das retribucións dos traballadores municipais nun 1% tendo en conta a subida deste ano e á espera de que esta sexa fixada nos orzamentos do Estado, aínda sen aprobar.

O alcalde avanzou aos representantes sindicais que os orzamentos do 2017 se asentan nunhas contas saneadas, con débeda 0, que garante os servizos básicos e que seguen a senda expansiva en investimentos e gasto social de 2016.

O capítulo I ascenderá este ano a 1.351.187 euros. Se en 2016 supuxo o 31,7% do orzamento, en 2017 representará o 32,61% debido á subida salarial do 1% aos empregados púbicos, ao aumento da xornada laboral dos monitores deportivos para ampliar a oferta de actividades e á creación de catro novas prazas para reforzar o programa Axuda non Fogar e dar a cobertura necesaria á atención social a domicilio desde o minuto uno, en especial naqueles casos nos que aínda se está tramitando a dependencia.

De feito, o gasto social, que xa creceu un 13,4% en 2016, é un dos que máis subirá en 2017 co novo persoal, unha partida de 15.000 euros para Axuda non Fogar e a achega municipal ao novo Centro de Día de Curtis xa que o concello cobre o 33% dos gastos destas instalacións para persoal dependente, que dá cobertura a outros oito concellos da comarca.

Salario alcalde

O proxecto dos orzamentos recolle, ademais, a conxelación salarial do alcalde por cuarto ano consecutivo, que ascende a 34.147 euros, o que o sitúa entre os máis baixos da comarca en relación a concellos con igual ou similar número de habitantes, por baixo de Oza-Cesuras, Sobrado, Paderne, Abengondo, Aranga e Mesía.

En 2017, contémplase, ademais, a creación doutra dedicación exclusiva, a segunda coa do rexedor, debido á carga de traballo que suporán, entre outros temas, a presentación de ambiciosos proxectos a fondos europeos, a posta en marcha de novos servizos en solo empresarial e a potenciación do Polígono Industrial de Teixeiro, a elaboración e coordinación dos novos plans de mobilidade así como da estratexia ambiental e as relacionadas coa estratexia de promoción e prevención de saúde, as modificacións da PXOM, a elaboración do inventario municipal, a xestión do convenio de vivendas baleiras e a coordinación de todo a área de participación cidadá, á que se lle dará un novo impulso. Esta dedicación terá unha retribución bruta anual de 33.847,54 euros.

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.