Numeracion Curtis logos

Aberto o prazo de solicitude das axudas do ticket eléctrico da Xunta de Galicia

servizoscurtis 2016 copyAs persoas interesadas en acceder á axuda económica da Xunta de Galicia para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket social poden solicitala até o 17 de xullo deste ano 2017. A súa tramitación pódese realizar a través dos Servizos Sociais do Concello de Curtis (981789003).

Información sobre estas axudas:

Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 /ano).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Actuacións e gastos subvencionables

Os gastos subvencionables serán as facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo 2016 e o 30 de xuño do 2017. No caso de que unha factura abranga un período que saia en parte do período subvencionable, considerarase subvencionable o custo rateado dos días incluídos nel.

Beneficiarios

As persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que convivan con menores de 18 anos ou discapacitados e teñan un gasto derivado da subministración de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual.

Obrigas dos beneficiarios

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

  • Seguir as directrices que marca a resolución de convocatoria.
  • Cooperar coa Administración en cantas actividades de inspección e verificación se leven a cabo para asegurar o correcto destino da axuda.
  • As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos

  1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Que na unidade de convivencia haxa menores de idade ou discapacitados cun grao de discapacidade igual ou maior do 33 %.
  3. Ser o pagador da correspondente factura de enerxía eléctrica.
  4. Que os ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 /ano). Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude. A renda da unidade de convivencia obterase por agregación das rendas do exercicio fiscal 2015 de cada un dos membros que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade de convivencia que presentasen declaración do imposto sobre a renda no 2015, para os efectos do cálculo da renda sumarán os cadros 380 (base impoñible xeral) e 395 (base impoñible do aforro) da declaración. No caso de non presentaren declaración, teranse en conta os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2015.
  5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.
  6. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.

Documentación

Xunto coa solicitude deberase presentar copia dixitalizada da seguinte documentación:

  1. DNI/NIE do solicitante e de todos os membros da unidade de conviviencia maiores de 14 anos (só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo II ou anexo III). No caso de menores que non teñan documento de identidade, documento acreditativo da súa idade (libro de familia, certificado de nacemento ou documento en que figure a data de nacemento).
  2. Declaración do IRPF ou certificado de renda emitido pola Axencia Tributaria relativos ao ano 2015, do solicitante e do resto dos membros da unidade de conviviencia (só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo II ou anexo III).
  3. De ser o caso, autorización aos funcionarios correspondentes para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa ao tícket eléctrico social de Galicia.
  4. Facturas de electricidade da vivenda que é residencia habitual do solicitante da axuda e xustificantes de pagamento.
  5. Certificado ou volante de convivencia/empadroamento onde figuren todas as persoas que conviven no mesmo domicilio.
  6. Título de familia numerosa no caso de que o dito título non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia ou no caso de que si fose expedido pola Xunta de Galicia e o solicitante denegue expresamente a súa consulta no anexo II.
  7. De selo caso, certificado de discapacidade dalgún membro da unidade de convivencia con grao de discapacidade maior ou igual ao 33 %, no caso de que o dito certificado non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia ou no caso de que si fose expedido pola Xunta de Galicia e se denegue expresamente a súa consulta.

Normativa

AUTONÓMICA Orde do 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG no 10 do 16 de xaneiro de 2017).

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.