Numeracion Curtis logos

Bonificacións do IBI rústico, filosofía e aposta política

antoniofraga 2016  

Artigo de Antonio Fraga, portavoz do Goberno local

"Curtis foi o primeiro concello da comarca de Betanzos en aplicar a máxima bonificación do IBI rústico ás explotacións agrogandeiras. Especialmente sensibilizados coa situación crítica da industria primaria xa que representa o 50% da nosa economía, no Goberno local estudamos aplicar en 2014, ano no que puidemos amortizar a débeda viva do concello, estas rebaixas impositivas ao ser unha das poucas medidas que podemos adoptar como administración local para apoiar a este sector.

Cremos que as políticas fiscais municipais deben asentarse en dúas premisas fundamentais. A primeira, a responsabilidade, para que impostos e taxas non sexan unha carga excesiva para as economías familiares e das empresas, pero sen perder de vista que os servizos públicos locais se sufragan con ese esforzo de todos e que os concellos tamén estamos obrigados por lei a manter a estabilidade orzamentaria. E a segunda, o equilibrio, necesario para aplicar esta carga impositiva de maneira ecuánime e xusta. Por ese motivo, optamos porque o IBI, o que coñecemos por contribución, tivese o mesmo gravame nas áreas urbanas e rurais, que fixamos nun 0,45 no marco dun abanico que nos permite a lei que oscila entre un tipo mínimo de 0,4 en áreas urbanas e de 0,3 en rústicas, e un máximo de 1,10 e 0,90, respectivamente.

Pero á responsabilidade e ao equilibrio impositivo debe sumarse a aposta política pola defensa dos sectores que sustentan a economía do municipio e, por iso, aprobamos no 2014 unha redución do IBI rústico para as explotacións agrarias, gandeiras e forestais do 95%, a máxima legal. No entanto, tamén houbo que dar resposta ás explotacións mixtas, é dicir, aquelas non dedicadas en exclusiva á actividade primaria, e en 2015 aprobamos para estes casos unha rebaixa do 50%. Desta maneira, este ano, no que todos os titulares de instalacións agrarias están obrigados a pagar este imposto, puidemos aplicar xa estas bonificacións. Así, demos luz verde no último pleno ordinario a estas deducións para 79 solicitudes, cun aforro global de 8.000 euros e con recibos que nalgúns casos pasaron de 874 a 43,70 euros.

As normativas non son inamovibles, e desde o Concello xa anunciamos que iremos valorando, co peche das contas de 2016, que outras opcións impositivas poderemos estudar sempre neste apoio inequívoco ás áreas económicas estratéxicas do municipio e sen esquecer, ademais, que a crise tamén afectou con forza aos sectores secundarios e de servizos.

Unidade política

Lamentamos, a modo de reflexión, que o portavoz do Bloque na Corporación curtiense tachase de "ensañamiento" a aplicación destas bonificacións mesturando conceptos e tipos de gravame, e máis cando nos gustaría que, en contra do que está a pasar, a opción nacionalista seguise este mesmo ano os nosos pasos coas reduccións impositivas nos dez municipios onde goberna na provincia da Coruña. 

E non foron poucas as chamadas que recibimos de concellos, de distintas cores políticas, interesándose pola aplicación da nosa normativa. Entendemos que non é unha cuestión partidista, pero si de apostas por políticas municipais en defensa do sector primario nas que, unha vez máis, sería desexable a unidade de todos os que temos a responsabilidade de activar aqueles mecanismos que están á nosa disposición para protexer e impulsar o medio rural".

 

A IIII Ruta Cabalar Campestre de Curtis o 17 de maio incluirá unha exhibición hípica, música e unha comida de confraternidade

IIIrutacabalar 2016
A Ruta Cabalar Campestre de Curtis, que este ano alcanza a súa terceira edición, celebrarase o martes, 17 de maio. Os organizadores esperan que preto de douscentos afeccionados ás rutas a cabalo participen nesta iniciativa na que se mestura o camiño por paraxes de gran beleza natural e a confraternización dos xinetes.

Organizada por un grupo de amantes dos cabalos en colaboración co Concello de Curtis, o itinerario, de máis de 20 quilómetros sen asfaltar, sairá ás 10.00 horas do Recinto Feiral de Curtis e seguirá por pistas forestais e monte a través con parada en Xabriño. A ruta finalizará sobre as 14.00 horas, horario previsto para a comida, pero a celebración seguirá pola tarde cunha exhibición hípica, ás 18.00 horas, a cargo de Belén Pacios, e con música.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, os participantes entrarán no sorteo de varios agasallos doados por empresas de Teixeiro e Curtis.

Os interesados en participar, que só deberán pagar 20 euros, prezo que inclúe tamén a comida, poden inscribirse chamando aos teléfonos:

  • Mariño 626327121
  • José Pérez 670641604
  • Carlos Casal 627073608

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.